A Mostra Internacional de Teatro de Ribadavia comprácese en convidar ao seu medio de comunicación á presentación pública das bases do V Premio Abrente de Textos Teatrais (Bases 2010 en PDF), que contará coa asistencia das seguintes autoridades:
Sr. Jesús Vázquez Abad, Conselleiro de Educación e Ordenación Universitaria.
Sr. Anxo Lorenzo Suárez, Secretario Xeral de Política Lingüística.
Sr. Marcos Blanco Jorge, Alcalde de Ribadavia.
Sr. Anxo Collarte Pérez, Concelleiro de cultura e educación de Ribadavia.
Sr. Roberto Pascual Rodríguez, Director da Mostra Internacional de Teatro de Ribadavia.
A MIT Ribadavia, o festival de artes escénicas máis significado de Galicia, continúa a apostar e a fomentar a nova creación dramática en lingua galega a través da convocatoria do seu V Premio Abrente para Textos Teatrais. O Premio Abrente conta co apoio institucional da Secretaría Xeral de Política Lingüística e está dotado cunha cantidade de 3.000 euros para o autor ou autora da obra gañadora máis unha estatuíña realizada polo artista Manuel Rodríguez Alonso (Sampedro), o compromiso da dirección da MIT de apoio á escenificación do texto por parte daquela compañía que presente o proxecto
artístico de mellores cualidades escénicas e a edición da obra na colección Abrente de teatro da editorial ourensá Difusora de Letras, Artes e Ideas.
A dirección da MIT promoveu en 2009 a creación dunha nova colección editorial de literatura dramática na editorial Difusora, dirixida por Roberto Pascual e cuxos obxectivos fundamentais son: elaborar volumes cun selo especial na calidade do seu deseño que atraian a un maior número de lectores cara ao xénero dramático, presentar os textos prologados por especialistas en artes escénicas e contribuír á construción dun catálogo editorial rigoroso, con periodicidade e criterio artístico que contribúa positivamente ao traballo dos principais axentes do sistema teatral galego: compañías profesionais de teatro, centros de ensino e colectivos amadores.