Alberto Ramos gaña por segunda vez o Premio Abrente de textos teatrais coa obra “Por unanimidade”

Desde Galicia Confidencial:
“O escritor e xornalista Alberto Ramos Ríos gañou o 21º Premio Abrente de Textos Teatrais coa obra Por unanimidade. O autor xa recibira este galardón, convocado polo Concello de Ribadavia a través da Mostra Internacional de Teatro (MIT), hai dous anos, na súa 19ª edición, con Os servizos prestados.
Un xurado integrado por Lucía Aldao, Carlos Álvarez-Ossorio e María Ángeles Iglesias Lopardo decidiu outorgarlle por maioría o premio a Alberto Ramos. O galardón inclúe 4.000 euros e a edición da obra gañadora.
A decisión do xurado está motivada “por ser un texto humorístico, con personaxes moi ben construídos e un ton irónico intelixente, cun ritmo áxil no que destaca a capacidade de construír a seis voces. O texto introduce cuestións de actualidade e, cunha base de crítica política ao contexto cultural, axuda, a través do humor, a reflexionar sobre a propia natureza dos premios e as súas problemáticas, ademais de construír unha situación extrapolable a outras reunións ou encontros entre grupos de persoas que precisan chegar a acordos desde posicións diversas”. (…)”

Isabel Fernández González gaña o 20º Premio Abrente da MIT de Ribadavia

Desde Erregueté (foto da autora, por Rosiña Rojo):
“O texto O miradoiro, da autora leonesa Isabel Fernández González (Isa Fernández, nada en La Valduerna no ano 1993) resultou ser o escollido, por unanimidade, polo xurado do 20º Premio Abrente da MIT de Ribadavia. Este, que estaba formado Ana Romaní, Arantza Villar e Sara Rey, destacou da obra premiada “a profundización dos personaxes e a intelixencia dos diálogos como espello das relacións humanas actuais”.
A peza presenta “unha conversa íntima entre dúas persoas que reflexionan sobre a súa relación e os seus desencontros, un diálogo que se expande cara a un espazo máis amplo e metafórico, como retrato dunha sociedade cada vez máis individualista”. Para o xurado, o texto “salta habilmente do persoal ao colectivo, nun cruce de xuízos críticos que aborda temas de actualidade dende o contraste de posicións, deixando entrever as dificultades de activar a empatía e recordando a importancia da escoita para a vida en comunidade”.
“Son orixinaria dunha pequena aldea leonesa, desas que no verán se enchen de trigo seco e no inverno conxelan o alento. Medrei ao quente do braseiro, escoitando á miña avoa contar historias doutros tempos e xogando a contalas no grupo de teatro da escola rural. Para min, o teatro é encontro”, explicou a autora á MIT sobre a súa traxectoria e a súa conexión co teatro. “Escribo dende que teño memoria. Poesía, teatro, ensaio e, sobre todo, textos sen xénero. Unha boa potaxe, que diría a miña avoa. Sempre buscando o xeito de diluír os límites, gústame tanto ler a Beckett como bailar unha boa bachata na verbena. Por iso valoro tanto os proxectos culturais que conectan o teatro e as artes vivas coas vivencias da xente de a pé”, engadiu, en relación coa súa relación coa escritura.
Isabel, segundo compartiu tamén coa MIT, está instalada en Galicia desde hai oito anos, dende que chegou a un recuncho arzuán onde aprendeu o galego das veciñas e se reencontrou co teatro da man da Gentalha do Pichel e da Escola Espazo Aberto. Actualmente forma parte da compañía ALOMAIS Teatro, creada este mesmo ano, que está a piques de estrear a súa primeira montaxe. Cun sacho como símbolo, a autora e o seu equipo entenden o teatro como “o humilde oficio de sachar o espazo para que a vida poida agromar”. (…)”

Alberto Ramos gaña o Premio Abrente de textos teatrais con Os servizos prestados

Desde Nós Diario:
“O escritor e xornalista Alberto Ramos Ríos (Santiago de Compostela, 1986) gañou o 19º Premio Abrente de textos teatrais coa súa obra Os servizos prestados, o cal convoca o Concello de Ribadavia (O Ribeiro) a través da Mostra Internacional de Teatro (MIT).
Segundo informa a MIT de Ribadavia nun comunicado, o xurado concedeu, por unanimidade, este galardón polo seu “interese social, con posibilidade de xerar debate ao redor da explotación e da autoexplotación laboral e o risco que implica de perda de dereitos da clase traballadora conquistados historicamente”. O premio consiste en 4.000 euros e a edición da obra gañadora.
Así mesmo, pon o foco na perda de vínculos de amizade por motivos de relacións laborais. Destaca polos seus cambios de personaxes, ritmo, ruptura da cuarta parede e uso de metáforas que concede ao texto moito interese escénico e calidade artística.
Ademais, o xurado subliña que “non é unha obra plana nin cunha única capa de recepción, xa que a complexidade dos personaxes e a capacidade para demostrar distintos puntos de vista fai de Os servizos prestados unha obra profundamente reflexiva e de recepción activa”.
O xurado está composto pola actriz e dramaturga premiada en 2023, Nerea Brey; o actor Rubén Porto; Marcos Alonso, membro da Sala Ártika, así como polo director artístico da Mostra Internacional de Teatro de Ribadavia, Roberto Pascual.
Alberto Ramos cultivou diferentes galardóns literarios, o último deles foi o Premio Rafael Dieste co que se estreou como dramaturgo en 2023. Actualmente, traballa na área de comunicación da Asociación de Actores e Actrices da Galiza (AAAG).
Por outra parte, a Mostra Internacional de Teatro de Ribadavia concedeu a Iribarne, de ButacaZero, peza da dramaturga Esther Carrodeguas, o Premio do Público deste ano 2024, segundo deu a coñecer esta terza feira.”

Ernesto Is gaña o XVI Premio Abrente da MIT de Ribadavia

Desde Erregueté:
Ernesto Is (Xixón, 1988), membro do consello de redacción da erregueté | Revista Galega de Teatro, é o gañador do XVI Premio Abrente de Textos Teatrais da Mostra Internacional de Teatro de Ribadavia con Profetas, unha reflexión sobre a arte, o amor, as cidades e as ficcións que nos conforman como persoas. O xurado, composto pola actriz Patricia Vázquez, o dramaturgo José Luis Baños de Cos e a escritora Anna R. Figueiredo, salientou de Profetas “a potencia escénica da obra, unha proposta épica dende a normalidade de situacións vitais, unha obra sen artificio, auténtica e eficaz”.
Este é o segundo Abrente para o dramaturgo asturiano, xa que no ano 2016 a súa peza Fendas foi premiada xunto a Todo sobre Eva de Xandra Táboas. O galardón consiste na edición da obra por parte da editorial Difusora de Letras, Artes e Ideas na súa Colección Abrente e mais 3500 euros. (…)”

Baños de Cos gaña o Abrente de Textos Teatrais con Asfixia

Desde Sermos Galiza:
Asfixia, de José Luis Baños de Cos, é o texto gañador da 14 edición do Premio Abrente de Textos Teatrais, convocado pola MIT Ribadavia. O xurado, presidido polo director do festival, Roberto Pascual e composto pola dramaturga e actriz Avelina Pérez, polo actor Roberto Leal e polo director Álex Sampayo, decidiron por unanimidade conceder o premio a este texto.
O xurado destaca que o texto propón un interesante xogo teatral onde o aparentemente trivial e absurdo se vai transformando e crecendo eficazmente ata levar á persoa lectora a un tránsito por diferentes sensacións que tocan as convencións e o letargo rutineiro.
Agradece o xurado, igualmente, a ausencia dunha única mensaxe ideolóxica. “Amósase así unha peza que non é panfletaria e que permite a viaxe mental propia da persoa lectora sen que a voz autorial se poña nun nivel superior, coma se fose unha guía nunha única dirección”.
Atopa o xurado, por último, unha gama rica de posibilidades de posta en escena aberta, que estimula a un teatro actual e conectado co hoxe.”