A Associaçom Galega da Língua (AGAL) e a Cátedra UNESCO de Cultura Luso-Brasileira da USC organizan o Curso de Cultura Contemporánea Galega (CCCG), que desenvolverá en Santiago de Compostela entre os días 27 de Abril e 6 de Maio. O curso, que conta co apoio da Deputación da Coruña, do Concello de Santiago de Compostela e das Faculdades de Filoloxía e Ciencias da Comunicación da USC, preténdese un espazo de reflexión académica e profesional interdisciplinar que nace cos seguintes obxectivos:
• Presentar aos alumnos a cultura galega contemporánea como un conxunto de producións diverso, moderno, vivo e xerador de riqueza económica e artística.
• Identificar os diferentes tipos de cultura predominantes na Galiza actual e coñecer algúns dos seus representantes e tendencias.
• Avaliar os puntos fortes e fracos das industrias culturais galegas, comprendendo como a cultura pode representar un importante motor económico para unha comunidade.
• Conhecer como e por que a cultura é empregada como unha ferramenta de coesión social. Os profesores da USC Carlos Quiroga, Elias Torres, Ramom Flores das Seixas e José Pereira Fariña e o director de UNINOVA Gustavo Marcos serán os encargados da parte teórica do curso, que se divide nas sesións: Culturas Tradicionais, Culturas de Élite, Culturas de Masas, Culturas Empresariais e Culturas Libres.
Estas conferencias, veranse complementadas cun ciclo de mesas redondas en que participarán 20 representantes do tecido cultural galego nas súas dimensións empresarial e asociativa. De entre os participantes nas mesas poderíamos destacar, entre outros, á produtora Emma Lustres (Vaca Films, produtora de Celda 211), ao actor Miguel de Lira (sala NASA), ao escritor Séchu Sende, ao cociñeiro X. Manuel Crujeiras (integrante de Nove. Grupo Gastronómico Galicia), ao actor e dramaturgo Manuel Lourenzo, ao xornalista Anxo Quintela ou a Javier Goyanes (presidente de Pazos de Galicia).
A organización pretende así, con este curso, crear un espazo de debate dinámico e produtivo sobre a actualidade dunha cultura galega desacralizada e viva, definitoria de como nos vemos os galegos e da imaxe que de nós internacionalizamos.
As aulas presenciais do curso celebraranse no Auditorio de Galicia e nas Faculdades de Filoloxía e Xornalismo e complementaranse cun foro virtual de debate on-line. A matrícula, que poderá realizarse ata o próximo dia 26, garante un certificado de 30 horas e un crédito da Universidade de Santiago.