A Universidade da Coruña convida a unha lectura pública

A Universidade da Coruña convida a comunidade universitaria -estudantado, persoal de administración e servizos e persoal docente e investigador, así como persoas alleas á comunidade universitaria-, a participar de modo activo nunha lectura pública que terá lugar o vindeiro 18 de maio, no Paraninfo da Reitoría, en horario de mañá (de 12:00 a 14:00 horas) e de tarde (de 17:00 a 20:00 horas), e que estará aberta a toda a cidadanía. Para participaren no acto, todas as persoas interesadas deberán enviar ao enderezo electrónico indicado abaixo propostas de textos coas seguintes condicións:

1. O texto para a lectura estará escrito en lingua galega, con independencia de que sexa traducido
doutra lingua. O Servizo de Normalización Lingüística poderá corrixilo, se for preciso.
2. Non existen para o texto outras limitacións temáticas, estilísticas ou de autoría que as obvias
para un acto deste carácter.
3. A duración da súa lectura non poderá exceder dos cinco minutos.
4. A propia persoa propoñente será quen o lea.

Con carácter excepcional, e sempre que xustifiquen o interese e a súa conexión co sentido da convocatoria, poderanse aceptar como alternativa aos textos outras intervencións, como execucións musicais, danza, mimo etc. Nestes casos rexerá a limitación de tempo de dez minutos por intervención. O enderezo para a recepción de propostas é vocesnasletras(arroba)udc.es e a data límite será o luns 10 de maio.

Servizo de Normalización Lingüística da Universidade da Coruña