Camiño ao mar é o titulo do novo libro de poesía de X. H. Rivadulla Corcón, que edita Auga Editora, e serve como base para o espectáculo poético do mesmo título, onde o poeta estará acompañado polo trompetista cubano Franky Valencia. Será próximo sábado 29, no Salón de Actos do Voluntariado de Muxía.
Camiño ao mar de X. H. Rivadulla Corcón, é un poemario narrativo, no que un mariñeiro que vive de vagabundo en Compostela, atopa unha gaivota morta na Quintana dos Mortos, e este feito motívao para iniciar a viaxe de regreso ao seu mundo, o mar, coa intención de enterrar unha pluma desa gaivota nunha praia da Costa da Morte. A viaxe transcorre a través do Camiño Xacobeo de Santiago-Fisterra-Muxía. En realidade trátase dunha viaxe na procura da verdade interior do vagabundo.
O poemario está estruturado en cinco partes, compostas cada unha delas por un poema longo de 126 versos cada un. A primeira parte refírese a cidade de Compostela, e as outras catro aluden cada unha as catro etapas que tradicionalmente configuran a rota Xacobea a Fisterra e Muxía.