Será o luns 1, ás 20:00, na Biblioteca Pública da Coruña Miguel González Garcés.
«Na Biblioteca Miguel González Garcés da Coruña celebramos o IV AGASALLO A LUIS SEOANE no día do seu CENTENARIO (1910 – 2010) . Luís Seoane naceu en Bos Aires o 1 de xuño de 1910 e morreu na Coruña en 1979.
Farémolo coa presentación do libro Poemas alumeados de figurandorecuerdo(s)edicions. Trátase dunha escolma de poesías de Luís Seoane, cada unha delas ilustrada por artistas plásticos contemporáneos amigos do artista, así como polos que se senten identificados ou influídos pola súa obra e polo seu pensamento. Catorce poemas elexidos dos seus diferentes libros, Fardel de eisilado , ediciós Anxel Casal, Bos Aires, 1952; Na brétema, Sant-Iago , ediciones Botella al mar, Bos Aires, 1956; As cicatrices , editorial Citania, Bos Aires, 1959; A maior abondamento , ediciones Cuco-Rei, Bos Aires-A Coruña, 1972; Luís Seoane. Obra poética , ediciós do Castro, Sada, 1977.
Neste fermoso libro co que agasallamos a Luís Seoane fai a presentación Xosé Luís Méndez Ferrín , escritor e presidente da Real Academia Galega ; e os artistas que participan son o pintor Xaquín Chaves ; o pintor e gravador Jesús Núñez ; o pintor e publicista Lipa Burd ; Xoán Piñón fotógrafo; a deseñadora Lía Santana ; o pintor Felipe Criado ; o deseñador Xosé Salgado ; o pintor Xabier Correa Corredoira ; o deseñador Pepe Barro ; o fotógrafo Luis López “Gabú” ; o artista multidisciplinar Tiago Guedes Madeira ; a artista plástica Pilar Turbón ; o pintor e debuxante Detlef Kappeler ; o pintor e acuarelista Reiner Schiestl e o ilustrador gráfico Hermenegildo Sábat .
Con motivo da celebración poderá verse unha mostra dos orixinais que alumean este libro. Contaremos coa presenza dalgúns dos artistas e de Luis José Eguiburu Seoane, fillo da irmá do artista homenaxeado, Estela Seoane López, representando á vez aos fillos de Rafael Seoane López, Rafael e Ana Seoane , que viven en Bos Aires. Son os tres únicos sobriños de Luis Seoane.
Deseguido asistiremos a un concerto do grupo musical DOA que se suma ao homenaxe a Luis Seoane coa presentación de varios temas do seu último traballo “A Fronda dos Cervos” (2006), de próxima edición. Coas cantigas de Alfonso X, Martín Codax, Códice Calixtino e os textos dos trobeiros galaico-portugueses, a música galega estará presente no acto. […]
Para rematar, acercarémonos á Praza Luis Seoane (Monelos, Novos Ministerios) para plantar, por cuarto ano consecutivo, tres plantas de ruda e un allo verde, ao pé do busto do artista, en memoria do libro de Luis Seoane “ Tres hojas de ruda y un ajo verde” publicado en Bos Aires en 1948.»