“Vieiros: En castellano no hay problema é ante todo un título provocador. Como xorde?
Carlos Callón: O título final, que é retranqueiro, sae dunha votación no meu blog e vese que a xente optou polo máis irónico. É un encabezamento que funciona coa capa, na que se ve unha imaxe do Pórtico da Gloria na que aparece un monstro turrándolle da lingua a un condenado: parece que é o monstro o que está dicindo iso de En castellano no hay problema. É un convite un pouco falso que nos leva á reflexión: non hai problema para vivir en castelán en Galiza e ademais ninguén defende que se creen obstáculos ou que se recorten dereitos individuais aos castelanfalantes. É que ás veces véndesenos iso: que os que participamos de organizacións como a Mesa somos seres diabólicos, como se quixésemos que os que falan castelán tivesen algún tipo de sanción, algo que nunca ninguén que defendese o galego propuxo. Para vivir en castelán en Galiza non hai problema, porén para vivir en galego, na lingua propia, si que o hai. Polo tanto reflexionemos todas e todos se esta situación pode continuar.
Vieiros: Este libro conta con esta dobre vertente: dunha banda a análise e doutra a reivindicación. Reparando no primeiro apartado, cres que hai algún motivo para sermos optimistas?
Carlos Callón: Todos os estudos indican que a situación do galego é moi preocupante; mesmo xa o indicaban antes de que Alberto Núñez Feijoo fose nomeado presidente da Xunta. Realmente os estudos alertan de que o galego está a piques de entrar nun punto de non retorno. Eu creo que malia esa situación preocupante, sabemos que hai vimbios para facer o cesto da súa recuperación e da súa revitalización. Se ben esta situación crítica do galego é anterior ao actual Goberno, o PPdeG tende a acelerar esa caída: quere que ese case-punto de non retorno sexa un punto de non retorno real; que o galego sexa realmente unha lingua residual e, polo tanto, inútil en Galiza; unha sociedade que non estea cohesionada a través da súa lingua e da súa cultura, unha sociedade sen memoria histórica de seu. Eles atacan a lingua porque o que queren é que a sociedade galega, que Galiza, deixe de existir como tal.”
A entrevista completa pódese consultar aquí: Vieiros.