Manuel Rivas e o actor e director teatral Quico Cadaval serán os grandes representantes galegos na segunda edición do Festival Internacional de Literatura de Bos Aires, que reúne até o próximo domingo na capital arxentina destacados autores chegados de todo o mundo.
Quico Cadaval será o primeiro deles en intervir o sábado coa súa actuación Fantasmas Familiares. Con este espectáculo, Cadaval levará até as rúas de Bos Aires unha peza oral artellada ao redor dos relatos populares sobre fantasmas. O actor e director teatral afonda na épica que procede da tradición tabernaria. O resultado que amosa o actor en Fantasmas familiares é un tecido narrativo onde se dan a man a cultural popular, os contos tradicionais e o singular sentido do humor e da narrativa de Cadaval. Na súa intervención aparecerán personaxes tan diversos como son os mariñeiros vingativos, os raptores de menores, os mecánicos supersticiosos ou os cándidos borrachos.
Pola súa banda, Manuel Rivas participará nunha mesa redonda con outros autores para disertar sobre a importancia da trama no argumento das obras literarias. Baixo o título La trama es lo que cuenta, Rivas amosará o seu punto de vista de como se planifica a arquitectura dunha obra literaria.
Desde o Xornal de Galicia.