VIII certame de microrrelatos Lonxa Literaria

A Lonxa Literaria convoca o VIII certame de microrrelatos, que deberán estar escritos en galego normativo, cunha extensión máxima de 15 liñas a dobre espazo e cunha letra tipo Times New Roman, nº 12. No texto deberá conter necesariamente a palabra “MAR” Cada autor/a enviará un único relato até o 31 de outubro ao seguinte enderezo: Lonxa Literaria, Centro Cultural Daniel Castelao, Quintela s/n. 36950 Moaña, Pontevedra. Convócase unha única categoría de participación, que se dotará dun premio de varios kg. de mexillóns e berberechos. Se a calidade dos traballos presentados así o aconsella, nomearase un ou dous accésits sen dotación económica. De non acadar a calidade necesaria, o xurado poderá declarar o premio deserto. Os traballos remitiranse en sobre sen remitente. Dentro deste deberase incluír outro sobre con título do relato no seu exterior e os datos do/a autor/a no interior. O veredicto do xurado farase público o 19 de novembro de 2010. Por estas datas farase entrega do/s premio/s que se debe/n recoller persoalmente ou por delegación expresa. A publicación do traballo premiado realizarase a través da páxina web da Asociación. Non obstante, resérvase a posibilidade de publicación noutro tipo de soportes no futuro. O feito de concursar supón a aceptación destas bases e a resolución do xurado. O xurado do certame estará formado por dúas persoas de recoñecido prestixio do ámbito da literatura.