Bases do V Certame de poesía erótica Illas Sisargas

Publicadas as bases do V Certame de poesía erótica Illas Sisargas, ao que se poderán presentar obras até o 15 de outubro:

“Dando continuidade ao que xa se está a converter nunha tradición na convocatoria poética en lingua galega, o Concello de Malpica de Bergantiños e a Asociación Cultural Caldeirón convocan o V Certame de poesía erótica “Illas Sisargas”, de acordo coas seguintes:

BASES

PRIMEIRA. Poderán optar ao premio tódolos autores de calquera nacionalidade, que presenten obras inéditas de temática erótica e non premiadas con anterioridade, escritas en lingua galega.
SEGUNDA. Os convocantes establecen un premio único e indivisible dotado con 1.000 euros e a publicación da obra premiada, reservándose durante un prazo de dezaoito meses os dereitos de editala, e entregarán ao gañador trinta exemplares.
TERCEIRA. As obras que serán de temática erótica, terán unha extensión inferior a seiscentos versos, e presentaranse por triplicado, en exemplares separados, en tamaño DIN A4, por unha soa cara, numerados, grampados ou encadernados. As obras presentaranse baixo un título e un lema, achegados de plica na que conste o título e o lema no seu exterior e contendo no interior o nome e apelidos do autor, o seu enderezo, nacionalidade e número de teléfono.
CUARTA. O prazo de admisión de orixinais remata o día 15 de outubro de 2010, e deberán enviarse ó Concello de Malpica de Bergantiños: Avenida Emilio González López 1, 15113 Malpica de Bergantiños, indicando no sobre “V Premio de poesía erótica Illas Sisargas”.
QUINTA. O xurado estará presidido por un representante do Concello de Malpica proposto e nomeado polo Alcalde-presidente do Concello de Malpica de Bergantiños, un representante da Asociación Cultural Caldeirón proposto polo Presidente desta entidade e nomeado polo Alcalde-Presidente do Concello de Malpica de Bergantiños e o gañador/a do certame inmediatamente anterior a esta convocatoria, nomeado polo Alcalde-Presidente do Concello de Malpica de Bergantiños, quen poderá ser substituído por outra persoa no caso de que non lle fose posible acepta-la súa participación; actuará como secretario o da corporación ou funcionario no que delegue. A composición do xurado farase pública con anterioridade á súa reunión, co fin de que se poidan interpor, se é o caso, os recursos legais pertinentes.
SEXTA. Os participantes terán a obriga de comunicar ó Concello de Malpica de Bergantiños a concesión de calquera premio que obteña a obra presentada, no momento no que esta situación se produza, o que dará lugar á súa exclusión do concurso. O xurado actuará en pleno, en sesión a ser posibel única, sendo necesaria a asistencia dos dous tercios dos seus membros. As deliberacións serán secretas e delas redactarase a acta correspondente. O premio poderá ser declarado deserto ou compartido “ex aequo” por varios autores/as se o xurado o estima conveniente e a súa proposta será obxecto de resolución do Alcalde – Presidencia do Concello de Malpica, que é o órgano competente para resolve-lo premio. A decisión do xurado terá lugar no mes de novembro de 2010 e darase a coñecer nos distintos medios de comunicación, no marco da Cea das Letras, na cal deberá estar presente o gañador do certame. A plica correspondente á obra que resulte gañadora poderá ser aberta polo secretario do xurado co fin de que, se o seu autor o permite, poida darse a coñece-lo nome do gañador/a.
SÉTIMA. Non se manterá correspondencia sobre as obras presentadas. Agora ben, os interesados poderán retirar das oficinas do Concello de Malpica, Departamento de Educación e Cultura, as obras non premiadas no mes seguinte ao fallo do xurado a partir do día seguinte serán destruidas.
OITAVA. A participación nesta convocatoria supón a total aceptación destas bases.

Malpica de Bergantiños, 22 de xuño de 2010.

O ALCALDE – PRESIDENTE,
José Ramón Varela Rey.”