
Arquivos da etiqueta: Certame de poesía erótica Illas Sisargas
Nuria Vil gaña o certame de poesía erótica Illas Sisargas
Desde La Voz de Galicia:
“De Santo André de Comesaña (Vigo) e activista polos dereitos LGBTQIA+, Nuria Vidal Prado —coñecida por Nuria Vil no eido artístico— é a gañadora da vixésima edición do certame de poesía erótica Illas Sisargas coa súa obra Desobediensia.
O xurado, integrado por Paco de Tano, María Lado e o gañador no 2024, Francisco Fernández Davila, recoñeceron «a súa visión novidosa do erotismo» e unhas imaxes fluídas que «evitan conceptos manidos». Así mesmo, cualificaron o poemario de «moderno, actual e irreverente», e recalcaron que, malia o seu carácter contemporáneo, «consegue emitir lirismo, mesmo cando introduce a AP-9 ou contidos de carácter social». A utilización do seseo e a gheada ou o elevado ritmo poético foron outras das características que valorou o xurado.
Nuria, que se confesou ilusionada en Malpica, salientou que levaba anos querendo «escribir e performar para nutrir o imaxinario do desexo máis aló da compracencia á ollada cisheteromasculina que define moitos dos estímulos que nos chegan».
Por parte de Caldeirón, entidade organizadora, Paco de Tano agradeceu a participación e explicou que este ano se recibiron 19 obras. A concelleira Noelia Freijeiro, pola súa banda, reflexionou sobre a traxectoria do certame, que acumula xa vinte edicións, e dixo que a poesía «é un lugar onde todos podemos arder un pouco sen queimarnos».”
Compostela: Festival de Filosofía de Galicia. Sexo e filosofía
Bases do XX Certame de poesía erótica Illas Sisargas 2025
Fran Fernández Davila gaña o Premio Illas Sisargas 2024
Bases do XVIII Certame de poesía erótica Illas Sisargas 2024
Clara Vidal gaña o XVIII Certame de Poesía Erótica Illas Sisargas
Desde o blog de Clara Vidal:
“Masaxe con argán mal pronunciada foi a obra que, aberta a plica, resultou gañadora do XVIII Certame de Poesía Erótica Illas Sisargas. O libro será publicado no mes de maio do 2024 por Caldeirón.
Quero agradecer aos membros do xuri a súa elección e palabras adicadas á mesma. En breves, partillarei aquí o fallo que realizaron. É para min un pracer acadar un premio no único certame da Galiza que, ano tras ano, publica poemarios de temática erótica escritos en galego.
Deixo algunhas imaxes da recollida do premio, entregado na Cea das Letras en Malpica de Bergantiños o 11 de novembro de 2023. Cea na cal se me tratou como parte xa da familia Caldeirón!”
Malpica: Cea das Letras 2023, o 11 de novembro
Bases do XVIII Certame de poesía erótica Illas Sisargas 2023
Diana Kurich recibiu o XVII Certame de Poesía Erótica Illas Sisargas nunha emotiva Cea das Letras
Desde Que pasa na Costa:
“Como cada ano Malpica convértese na capital galega da poesía erótica. Un evento culural promovido pola Asociación Caldeirón en colaboración co Concello de Malpica. Máis dunha trintena de persoas asistiron á entrega dos premios do XVII Certame de Poesía Erótica Illas Sisargas que se celebrou na Casa do Pescador de Malpica. Andrea Fernández Maneiro, foi a encargada de ler o fallo do xurado.
A obra gañadora foi Feitas ao sisel, de Diana Kurich, elixida polo xurado por unanimidade “pola súa estrutura orixinal desde a inspiración na cantiga popular que se ve substituída coa irrupción dun rexistro culto que provoca unha rica ruptura do poema” entre outros. O xurado tamén concedeu un accésit á obra Corpo nómade, de Teresa Ríos Noya, polo seu discurso feminista na expresión e na procura da propia sexualidade.
No acto, no que estivo presente o Alcalde de Malpica, Eduardo Parga, tamén se presentou o libro Persistencia da música en novembro, do pontecesán Miguel Anxo Mato Fondo, con prólogo de Juan Durán, compositor e Premio Raíña Sofia de Composición 2018, e membro da Real Academia Galega de Belas Artes.”









