Entrevista a Víctor F. Freixanes no Xornal:
“Xornal (X): Que conta Víctor Freixanes nesta novela chamada Cabalo de ouros?
Víctor F. Freixanes (VF): Trátase dunha novela centrada na época do volframio na Galicia do 49 ao 51, aproximadamente. Hai unha partida de cartas que dura tres días e tres noites entre un grupo de sete persoas cun capitán xogador, un vello alcalde do interior e un cura. Ese sería o núcleo da novela, pero é unha historia que resulta complexa porque se hai sete personaxes, hai sete vidas, hai sete historias. As historias entrecrúzanse, hai unha aventura de amor e unha parábola do país. A novela está construída como un cantar de cegos. (…)
X: Dezasete anos sen publicar unha novela. Por que agora?
VF: Eu escribo moito, pero publico pouca ficción. Escribo moito sobre investigación, estudos e literatura gris. De ficción, moi pouco porque é onde máis son eu. Na ficción atópome comigo, coas miñas pantasmas, coa miña visión de país. E cando escribo ficción, vexo a outra cara da moeda. Aínda así, teño catro ou cinco libros comezados. Este libro ía ser un conxunto de contos, pero atopei que no primeiro deles había unha novela que é a que finalmente sae agora. Os contos quedarán para outra ocasión. Cando escribes, de cando en vez volves, sobre as túas historias porque na literatura hai algo de diván de psiquiatra e algo de fuxida, unha especie de escape a outros mundos.
X: Falar con Freixanes, ademais de falar cun escritor, é falar cun editor. Non hai moito o presidente da Asociación de Editores, Manuel Bragado, advertía de que a edición en Galicia ía baixar un 20%. Son moi malos tempos para os libros?
VF: Probablemente sexa así, pero non é só un problema galego, senón que é algo xeral. E tamén hai que ter en conta que baixa o libro, pero tamén baixa a produción audiovisual ou da música. O mundo da produción cultural vive e vivirá momentos de recesión ou, polo menos, de austeridade. A edición vive unha tormenta perfecta porque agora temos uns factores políticos, económicos, financeiros e lingüísticos e temos unhas circunstancias de consumo e de novas tecnoloxías que a provocan.”