Luís Álvarez Pousa: “Se un medio en galego cae, non é só culpa do poder político”

Entrevista a Luís Álvarez Pousa en El País:
“El País (EP): “Superamos os esquemas da resistencia cultural”, dixo en 1985, tras dimitir como director xeral de Cultura. Co actual grao de violencia simbólica do Goberno, vale dalgo ter razón?
Luís Álvarez Pousa (LAP): Temos razón porque temos os argumentos. Esa é a nosa principal arma de futuro. Resistimos doutra maneira, poñendo a proba a nosa capacidade de intervención cívica e de creación cultural. Non defendo o resistencialismo ao que nos vimos obrigados os que militamos no asociacionismo de base e na procura de novas tendencias creativas durante os anos negros. Si pola resistencia activa e creativa, a que denuncia e dá respostas alternativas.
EP: Foi ineficaz a aposta sistemática por normalizar, adiando os conflitos?
LAP: Tampouco podemos autoflaxelarnos. Hai un traballo que mantivo a chama acesa, pero si entendo que os modelos de resistencia deben mudar. Que o modelo de resistencia lingüística non foi o máis axeitado nos últimos anos é evidente, porque do contrario estariamos noutro estadio de normalización lingüística, e tería sido imposible que calquera Goberno, mesmo este, tan alleo aos puntos fortes da identidade do país, fixese o que está facendo. Nunca se atreverían.