Entrevista a Carmen Blanco en La Voz de Galicia:
“La Voz de Galicia (LVG): ¿Por que escolleu a autoedición dixital a demanda a través de Meubook para os seus ensaios Feministas e libertarias?
Carmen Blanco (CB): Meubook pediume un libro desta temática. Aceptei encantada pola necesidade do combate libre e pacífico contra a pandemia do poder sexual e por apoiar unha iniciativa innovadora.
LVG: Xa no limiar da obra pula pola mellora da vida a través do coñecemento, o amor e o abandono de prexuízos. ¿Vostede é deste mundo?
CB: Non son do mundo da ignorancia, dos odios e das guerras. Estou coas boas persoas que propagan a sabedoría e a solidariedade, con liberdade e valentía, sen complexos.
LVG: As guerras civil e mundial supuxeron, como vostede di, retrocesos para a muller e o colectivo homosexual. ¿Hoxe hai perigo de que políticas a favor destes sectores impoñan privilexios tan criticables como os patriarcais?
CB: Progresar consiste en ampliar as liberdades e non os privilexios. Debemos buscar a resolución dos problemas en aras da dignidade humana (integral) combinando, con intelixencia e flexibilidade, os principios da igualdade e o respecto ás diferenzas. Haberá que recoller todas as potencialidades positivas dos bens que nos deu a diversidade cultural.”