Artigo de Pilar García Negro no Xornal de Galicia:
“É ben certo o aserto de que cantos menos índices de normalidade ou de soberanía existen nun país verbo da súa lingua ou da súa economía, máis proliferan as sofisticacións do problema. Téñoo por axiomático: a mesma falta de normalidade e –no caso galego– unha persistente tendencia ao pactismo (“Deus é bon e o demo non é mau”) típica da nosa historia político-cultural fabrican a cada paso reviravoltas artificiosas que, no canto de esclarecer, confunden, iso si, con aparencia de recoñeceren que o problema en si existe e cómpre resolvelo. O problema, claro está, é a absoluta anemia institucional do galego, de novo agredido, nesta lexislatura, con armas ilegais e propagandísticas que visan sen máis a súa destrución.
Esta leria preliminar vén a conto do informe do IGEA, de que se fixo eco Xornal de Galicia, verbo da situación do idioma da Galiza e das alternativas defendíbeis. Chámame a atención, en primeiro lugar, a desmemoria dos redactores. Desde aquel lonxincuo 1979, en que se dita, por parte do MEC, o chamado Decreto de Bilingüismo, este termo, na contemporaneidade galega sempre foi usado pola contra do galego con fins nada benéficos: non para lle dar entrada ao galego nun ámbito público, senón para todo o contrario, coartar o seu mínimo desenvolvemento no ensino ou noutro dominio social. Os ferreños monolingüístas españois de antonte viraron, por conveniencia, bilingüistas onte e hoxe (Lei Villar Palasí; Informe sobre enseñanza de las lenguas españolas y bilingüismo, elaborado por comisión designada polo MEC e presidida por Lázaro Carreter; AGLI; Galicia Bilingüe…). Por iso se dicía –e diciamos–, parafraseando a célebre sentenza marxiana, que o bilingüismo era o opio da normalización das linguas europeas que a precisaban.
De por parte, nen os máis antigos textos doutrinais e/ou parlamentares do nacionalismo galego enredaron considerando “estranxeira” a lingua española na Galiza. A cousa é cómica, por non dicer dramática, xa que era, e é, o galego, a todos os efeitos, a estranxeira na súa patria, por expresármolo con lapidario título rosaliano. Por exemplo, a Proposición de Lei do BN-PG / PSG (9 de Marzo de 1982) parte de definir o problema lingüístico da Galiza como colectivo e por situar a alternativa ou solución como aplicábel a todo o territorio e a toda a sociedade galega. A normalización do galego visa, pois, instaurar unha pauta pública en galego, independentemente do recoñecemento dos dereitos individuais exercíbeis en español. Isto é, o contrario mesmamente do que ocorre hoxe. Tal pauta normalizadora foi a que se instaurou en Cataluña, onde non se dubidou naturalmente de que a normalización do catalán había facerse en catalán, como, entre nós, a normalización do galego faise en galego e non en “bilingüe”.
¿Coñecen os autores a realidade de moitos textos “bilingües” que existen aquí e agora? Por exemplo: programas de man onde o galego, en tinta suave e cursiva, ocupa a páxina par, co cal os ollos de quen le van inevitabelmente á páxina impar, letra negra e ben lexíbel. O mesmo diriamos de moitos rótulos ou letreiros en exposicións e lugares de tránsito público. Mais é que, a maiores, se algún resultado masivo, popular, mesmo dentro de proporcións minoritarias, conseguiu a loita lingüística pro-galego do nacionalismo foi a de desvendar como o suposto uso bilingüe, pretensamente igualitario, non era máis que a tampa dun uso diglósico (por tanto, disimétrico e sempre subordinado para o galego) con que se xustificaba o baileou cambio do galego para o español.” (…)
O artigo completo pódese consultar aquí.