Xosé Neira Vilas: “Os galegos ignoran aínda o moito que lle deben á emigración”

Entrevista a Xosé Neira Vilas no Xornal:
“Xornal (X): Imaxinou algunha vez que Memorias dun neno labrego sería tan popular?
Xosé Neira Vilas (XNV): Nunca. Eu só tiña a necesidade de contar como era a vida dun rapaz galego dos anos corenta, como un recordo persoal. Xa levaba dez anos emigrado daquela. Nin sequera pensei que fose ir máis alá de Bos Aires, pero Fernández del Riego, que era daquela o xerente de Galaxia, pediume que lle mandase 300 exemplares. Dos 2.000 que se fixeron, 300 viñeron para Galicia. Con todo, aquí tardaron sete anos en reeditalo. Publicouno en 1968 Ediciós do Castro, aínda que o ía sacar Arturo Reguera en Rúa Nova. (…)
X: Que a Galicia actual se construíse fóra explica tamén a escasa autoestima?
XNV: Non se pode amar o que non se coñece, por iso na emigración dos anos 50 tomamos conciencia de Galicia, e por iso a amabamos. Estudabamos Sempre en Galiza nun centro galego capítulo a capítulo. Tiñamos o privilexio de ter clases e conferencias de economía, arte, xeografía, literatura e lingua galega. E os profesores chamábanse Blanco Amor, Dieste, Valenzuela, Baltar… Se coñeces o país e tomas conciencia de como foi burlado, escamoteado e desprezado, esfórzaste máis en defendelo e prestixialo, sobre todo se estás fóra. Armabamos escándalo á porta dos cines cando se estreaba unha película que denigraba a muller galega. Conseguimos que Alberto Vaccarezza cambiase un personaxe dunha obra de teatro porque ridiculizaba os galegos. Había un actor nos anos cincuenta que se chamaba Pepe Iglesias El Zorro que facía varios personaxes. Un deles era un paisano galego que falaba de forma grotesca, torpe e zafia. Fomos protestar á porta da radio até que o eliminaron. E non só iso, senón que conseguimos que os ultramarinos de galegos que había en Bos Aires deixasen de vender espontaneamente o aceite que se anunciaba naquel programa. O tal Pepe liscou de alí e veu para Madrid a facer o mesmo programa co mesmo personaxe grotesco. Aquí non protestou nin dios.”