Pilar García Negro: “Galego: A quen queremos axudar?”

Artigo de Pilar García Negro no Xornal de Galicia:
“Conclúo amosando o meu acordo total coa necesidade de non reducir a política lingüística que o nacionalismo practique e defenda a galvanizar os sentimentos dos xa galego-falantes conscientes e, en troca, excitar toda a pedagoxía de convicción para que os castelán-falantes se incorporen á práctica do galego. Tan de acordo estou que, en xusta correspondencia, reclamo que, se non se debe porfiar no uso redundante, pola mesma non se ofenda gratuitamente a aqueles-as que mesmamente se esforzan, coa súa conduta en galego e pro-galego, en aumentaren o número dos segundos. Agardo ansiosa (que non furiosa) que o redactor do informe citado ou calquer outro oferezan positivas propostas de captación e fixación de novos falantes do galego, porque estou algo farta de que se desestimen vellas tácticas e non se oferezan novas por nengures. Agora, iso si, a grandilocuencia que non falte!: o informe citado aparece subtitulado como reflexión estratéxica. Isto que escrebo, Henrique Monteagudo, pacientes leitoras-es, non é nen sequer explicación dunha táctica. É, simplesmente, aclaración mínima do que, no fondo, non o merece, isto é, a atribución a unha servidora de falsías e dogmatismos varios, que, precisamente, por levar toda a vida no debate da cuestión, fican derrubados como castelo de cartas. Porque, por certo, eu chámome como me chamo, non polemista salientable. Até aí se guinda a pedra e se esconde a man!”