Entrevista a Francisco X. Fernández Naval en Galicia Hoxe:
“Galicia Hoxe (GH): Gañar o X Premio de Poesía Fiz Vergara Vilariño foi para ti como unha aventura? Os premios son xogos, loterías?
Francisco X. Fernández Naval (FFN): Supoño que son loterías, aínda que me gusta velos como xogos que traen aparellada, cando ganas, a aventura de todo o que supoñen, dende a sorpresa inicial ata a xente nova que coñeces, dende o acto da entrega ata as presentacións nun ámbito diferente ao procurado por ti cando publicas un libro novo. Neste caso a aventura é maior. Xa fixemos o percorrido polo roteiro do Fiz, con María Casar e Xerardo, percorrido emocional e poético que recomendo, xa escribín sobre iso, e sei que fixen amizade con xente da que antes nada sabía e ademais síntome contento de formar parte dese grupo de ganadores do premio, entre os que hai escritoras e escritores que admiro. (…)
GH: Bater de sombras é un libro ferido, fermoso, delicado… Como lembras o proceso de escrita deste poemario?
FFN: Como xa dixen, todos sentimos ás veces o poder da sombra dentro de nós. Un día do outono do 2008 eu sentín que algo loitaba por asentar en min, algo que afectaba a unha parte do meu ser que eu consideraba libre de perigo e si, sentinme ferido. Podería ter rexeitado ese alento escuro como fago outras veces, pero decidín perseguilo, buscalo e mirarme nos seus ollos. Así naceu o libro. En principio eu fun consciente do que estaba a escribir, pero logo foron xurdindo liñas transversais das que só me decatei ao final. Nesa segunda fase, que me levou por territorios desacougantes, eu fun unha sorte de médium.”