Entrevista a Xurxo Sierra Veloso en Galicia Hoxe:
“- Galicia Hoxe (GH): Unha pregunta máis breve; para salvar o catalán, éuscaro e galego é necesaria unha inmersión lingüística ad hoc, como propón o nada sospeitoso profesor Blecua, hoxe presidente da RAE?
– Xurxo Sierra Veloso (XSV): Voume limitar ao galego, porque creo que as semellanzas cos casos éuscaro e catalán son ben poucas. Para salvar o idioma galego debería haber un pobo galego que quixese sobrevivir. Desafortunadamente, creo que non se dá esta premisa imprescindible. O pobo galego, se é que existiu algún día, decidiu suicidarse como tal, e para iso empezou por prescindir do seu maior sinal de identidade, a lingua. Nestas condicións, calquera política sociolingüística está condenada ao fracaso, veña de quen veña. (…)
– GH: Acabas de publicar Os fíos, a túa terceira ou cuarta novela, coa cal obtiveches o Premio Narrativa breve Repsol 2010. Vas á procura dunha obra de maior calado?
– XSV: Xa é a quinta novela, o cal debería entusiasmarme e ao mesmo tempo angustiarme. Supoño que aínda non atopei as respostas que levo procurando máis de vinte anos; por iso me vexo na obriga de seguir escribindo. Non sei se algunha vez construirei unha obra maior, pero, se non che parece mal, vasme permitir que utilice a ironía e acuda ás ensinanzas dun santo polo que sinto ben pouca devoción. Refírome a Escrivá de Balaguer, quen gababa moito o que el chamaba a clase de tropa, é dicir, aqueles que non están chamados para comandar exércitos e realizar grandes heroicidades, pero tamén teñen o seu pequeno oco na batalla cotiá. Eu, mentres siga escribindo, sentireime membro deste cativo gran batallón de resistentes que aínda cremos na grandeza da lingua galega, e que por iso a empregamos no noso labor literario.
– GH: Cos demais xéneros literarios que tal te levas en xeral?
– XSV: De cando en vez escribo poesía, pero nunca quedei especialmente satisfeito co resultado. Os meus versos sóanme falsos e afastados, como se estivesen escritos para ser declamados nunha cea de nadal ou un banquete de voda. Algunha vez tentei someter os meus personaxes aos rigores do teatro, pero confeso que non fun quen de pasar da primeira escena. Para ben ou para mal, o eido no que me sinto máis cómodo é a novela.”