Artigo de Henrique Monteagudo en El País:
“Dado que ese informe (Por un proxecto de futuro para o idioma galego. Unha reflexión estratéxica) cuestiona algúns lugares comúns firmemente asentados na mentalidade dun sector do nacionalismo, suscitou reaccións contraditorias. Pero, a pesar dalgunhas tentativas de acalalo ou deturpalo, o informe abriu un debate moi pertinente, as augas fóronse serenando e non tardaremos en concluír, por ampla maioría, que precisabamos un revulsivo salutífero para osixenarnos un pouco. Temos todas as de gañar repensando unha serie de tópicos revellidos e reformulando, tanto no fondo coma na forma, posicións tradicionais que se revelaron inservibles ou contraproducentes. Elemento central daquel informe era a reivindicación do bilingüismo como un argumento eficaz para a defensa do galego, precisamente apoiado en lóxicas integradoras e inclusivas, lonxe das dialécticas da confrontación e da exclusión. Por ese camiño podemos aspirar a gañar o asenso social -no que debe asentar un consenso político verdadeiramente sólido- a favor das políticas públicas de normalización lingüística. (…)
Agora máis ca nunca, será procedente relembrar a razón última das nosas reivindicacións. Expresouna acaidamente Ramón Piñeiro: “A lingua galega é bandeira da nosa solidariedade moral”. O galego non nos interesa nin nos pode interesar só polo galego mesmo. Interésanos porque a súa exclusión é inseparable da marxinación que o noso país padeceu, con grave prexuízo para todos. Interésanos porque a súa perda significa e significaría unha derrota colectiva, que minaría de forma definitiva a nosa conciencia de comunidade. Interésanos porque a súa recuperación só se acadará se conseguimos facer dela un proxecto e unha tarefa comúns, que atinxe a todos, pois a todos beneficiará, e por tanto a todos debe comprometer solidariamente. Porque os éxitos que vaiamos conseguindo nese camiño serán outros tantos esteos da nosa confianza e da nosa autoestima, tan necesitadas de reforzo. Porque esa confianza, esa autoestima e esa conciencia de comunidade que afronta unida retos compartidos son valiosísimos recursos para afrontarmos os difíciles tempos que se aveciñan, para axuntarmos forzas e para pelexar e gañar o porvir. Porque non nos resignamos a que se acale a nosa voz. Porque arelamos ter unha axenda de futuro, como cidadáns e como país. E porque, si, estamos con vontade de que esa axenda de futuro se diga e se escriba tamén no noso idioma.”