Longa reportaxe sobre Laiovento en Galicia Hoxe:
“(…) O director de Laiovento [Francisco Pillado] insiste, por outra banda, en desbotar o tópico do mundo editorial galego como un sector subvencionado por cartos públicos. “O que fai a Xunta é mercar libros para dotar o sistema de bibliotecas galego. Vendémoslles libros, cun desconto importante. Niso consiste a axuda, non hai subvencións”, remarca.
Respecto disto, Suso Couceiro opina que o papel da Xunta debería ser, máis ben, “crear as condicións para que as empresas puidesen funcionar sen axudas. Favorecer, por exemplo, a comercialización dos libros, promocionar os libros. Se as editoras venden directamente nas bibliotecas e nos centros de ensino, nin os profesores nin os alumnos van ás librarías. Hai 20 anos era moito máis limitado o campo das editoras. E eu creo que as editoras aínda deben aumentar moito: ten que haber máis, e máis grandes, e teñen que publicar máis. Eu hai moito que digo que me gustaría que houbese tantas librarías como tabernas, en vez de ir pechando editoras e librarías”, comentou.
Para Pillado, a promoción do libro é tamén unha das eivas que aínda se manteñen. “Tería que haber festas da cultura galega que chegasen a todos os recantos do país. Festas que levasen o libro, a música, o teatro, a todos lados. E non só un Día das Letras Galegas. Moitos libreiros non contrubúen, tampouco, a visibilizar o libro galego, pois non poñen os libros galegos nos escaparates. Non é o caso de Suso, claro, unha das persoas que máis saben de libro galego, e que nos presta o seu almacén para os nosos libros, o seu local para o que precisemos…”, subliñou. (…)”