Entrevista a Víctor F. Freixanes en A Nosa Terra:
“- A Nosa Terra (ANT): Hai anos vostede dixo que tivera que escoller entre a literatura e a edición, que non se podían compatibilizar ambas angueiras.
– Víctor F. Freixanes (VF): Eu sempre tiven inclinacións literarias pero quería traballar nesa aposta colectiva pola creación de infraestruturas para a normalización do galego, primeiro nos medios de comunicación, e logo na industria cultural. E son traballos que consomen moito tempo. Pero as letras lévanse dentro, van canda un aínda que non se escriba. Eu sempre encontraba un oquiño, neses tempos mortos de cadaquén… nunha viaxe en avión, nun serán de lecer. Escribir é unha terapia e cando teño o ánimo baixo non encontro mellor consolo. O que ocorre tamén é que, como editor, un mídese máis, é máis esixente consigo mesmo e cústalle máis considerar que o que fixo paga a pena imprimilo e publicalo. (…)
– ANT: Vostede dirixe Galaxia, editorial pioneira na dixitalización e comercialización de libros en formato electrónico. Como ve ese cambio tecnolóxico?
– VF: O libro electrónico é imparábel. Todos os cambios tecnolóxicos mudan os sistemas de produción e nós temos que estar aí, o galego ten que estar aí. Orabén, o libro electrónico non é urxente. Eu discuto os prazos e os ritmos. O negocio neste intre estano a facer as empresas que venden o sinal (as telefónicas) e os fabricantes de aparellos (iPad e demais dispositivos). E son eles os que teñen présa por mover un mercado que non pode esperar a que na tempada seguinte apareza outra cousa que lles deixe o seu produto obsoleto. O que está claro é que a demanda dos consumidores non vai á mesma velocidade.
– ANT: É posíbel que naza un novo modelo narrativo que se aproveite das posibilidades do formato dixital?
– VF: Seguramente pero non sei se iso é novela ou sequera literatura. Haberá autores multimedia, novas linguaxes e expresións. Seguramente veremos como a lingua deixe de ser unha marca nesas creacións porque serán contidos multilingües… Iso si. Só triunfarán as que se correspondan cun interese dos lectores. Calquera formato precisa consumidores formados e dispostos a pagar por ese produto. (…)
– ANT: Houbo polémica meses atrás cando Galaxia aceptou o Premio de Cultura ao tempo que Agustín Fernández Paz o rexeitou.
– VF: Eu dixen daquela que o premio non fora para min senón para unha empresa, como Galaxia, que ten un Consello de Administración que decidiu aceptar o galardón. Con esa decisión non aplaudimos nin protexemos determinada política cultural. Sabemos perfectamente o que está a ocorrer coa industria cultural en galego neste momento e consideramos que non iremos arranxar nada boicoteando institucións. O que non admito é que alguén queira enfrontarme a min con Fernández Paz, a quen admiro profundamente e con quen teño unha magnífica relación.”