Vigo: exposición O obxecto poético e a edición, no Verbum

Do xoves 17 de febreiro ao domingo 1 de maio, no Verbum-Casa das Palabras (Avenida de Samil, 17) de Vigo, e en horario de 10:00 a 19:00 h., pódese visitar a exposición O obxecto poético e a edición. Dúas achegas dende o surrealismo. Colección da Fundación Eugenio Granell, unha incursión no surrealismo mediante un proxecto expositivo creado ad hoc para o Verbum pola Fundación Eugenio Granell. A exposición está conformada por unha coidada selección de obxectos de artistas clásicos do surrealismo internacional como Eugenio Granell, Ludwig Zelller ou Susana Wald, e de artistas vinculados ao mesmo, da talla de Marcel Duchamp, así como doutros autores e autoras que continúan hoxe en día realizando novas contribucións ao movemento. A mostra achéganos asemade á complexidade e actualidade do movemento a través dunha selección das súas publicacións. A revista surrealista é unha ferramenta fundamental para os creadores plásticos e literarios, tanto como foro válido no que debater ideas éticas e estéticas, como a modo de escaparate e sistema de difusión das súas pezas, e ás veces, tamén como único medio de edición para as súas creacións. A inauguración terá lugar o xoves 17 de febreiro ás 20:00 h.