A Coruña: obradoiro Percorrer o ollo da arte, por Antía Otero

Os martes desde o 15 de marzo, de 19:00 a 21:00 h., en Normal (Paseo de Ronda, 47) da Coruña, terá lugar o obradoiro Percorrer o ollo da arte, que camiña polos diferentes estamentos que a ollada debe transitar para coñecer, descubrir e valorar o feito e a creación artística contemporánea a través da multidisciplinariedade. Está impartido por Antía Otero, licenciada en Historia da Arte, creadora, actriz, escritora e docente na Escola de Teatro e Danza Espazo Aberto. Iníciase o martes 15 de marzo ás 19:00 h., cun total de 30 horas e un máximo de 20 persoas. Están solicitados 2 créditos de libre elección á Universidade da Coruña. A inscrición é de 55 euros para o público xeral e 35 euros para os membros da Universidade da Coruña (neste caso a segunda matrícula é de 30 euros). A matrícula farase na oficina da Área de Cultura da Coruña. Casa do Lagar s/n. planta baixa. Campus de Elviña. O teléfono de información é o 981-167000, nas extensións 1975, 1954, e 1962. Prazo de matrícula até o luns 14 de marzo.