Entrevista a Pilar Pallarés en Galicia Hoxe:
“- Galicia Hoxe: Supoño que como poeta aínda sentíndote loxicamente identificada con todos os teus libros, digo eu que gardarás especial cariño/agarimo, recordo ou predileción por algún deles en concreto. Eu, sen ánimo de te condicionar, recórdoche, por exemplo, un dos libros que a min máis me atraeu da poesía galega nos últimos tempos: O livro das devoracións, que se mal non lembro, me parece que algún dos poemas que o compoñen fora publicado en Nordés, revista que sabia e xenerosamente dirixía a nosa entrañábel Luz Pozo Garza. Túa é agora a palabra Pilar…
Os que apareceron en Nordés son poemas logo incluídos en Sétima soidade. Naquela época eu era estudante en Compostela e a Luz Pozo aínda non a coñecía persoalmente, mais mantiña correspondencia con ela e enviáballe colaboracións miñas e de amigos poetas, tamén novos, como Francisco Salinas Portugal. Os poemas do Livro das devoracións corresponden a outro tempo e a outras preocupacións vitais, aínda que dialoguen co libro anterior e en certa medida nazan del. Penso que sempre se tende a preferir o último libro, ou ese é ao menos o meu caso. Entre lusco e fusco, que foi publicado grazas á presión amical de Francisco Pillado Rivadulla e de Isabel Balaca e á xenerosidade de Luís Seoane, Isaac Díaz Pardo e Marino Dónega, é unha obra por veces moi inxenua. Son poemas de adolescencia e primeira xuventude. De Sétima soidade e do Livro das devoracións pasaron xa tamén tantos anos que sinto que pertencen a outras vidas, a outras reencarnacións do eu. En ocasións mesmo me sinto como unha impostora cando os lectores interpretan que as ideas, teimas ou posicionamentos vitais deses poemas son os meus na actualidade. Eu son outra, aínda que tamén sexa a que está neses textos. (…)
– Galicia Hoxe: A literatura galega vive unha etapa de esplendor, ou todo é un soño doutros soños?
– Pilar Pallarés: Falar de etapa de esplendor quizais sexa excesivo, mais: coincido con Gamoneda en afirmar a superioridade da poesía galega actual respecto doutras próximas. Paréceme especialmente salientábel o protagonismo das escritoras, algo excepcional se confrontarmos con literaturas próximas. Claro que xa é excepcional termos como autor canónico por excelencia unha autora, Rosalía. A entrada da literatura galega no mercado ten tamén as súas servidumes. Hai, por exemplo, unha excesiva dependencia do ensino e do que se considera doadamente dixeríbel por un adolescente.”