Ramón Villares: “A lingua non pode depender só das accións institucionais”

Entrevista a Ramón Villares en Galicia Hoxe:
“- Galicia Hoxe (GH): Pero como se restitúe a posición pública do idioma galego?
– Ramón Villares (RV): Mediante medidas de discriminación. E iso unicamente pode darse mediante unha gran mobilización da sociedade civil ou unha acción institucional decidida. A sociedade galega confiou en que os poderes autonómicos fixesen ese traballo, que se manifestou na colocación do galego no sistema educativo e na construción dun sistema cultural.
GH: E dunha industria cultural?
RV: Claro, claro. Hai trinta anos a industria cultural en galego era mínima. Non quero dicir que hoxe sexa boiante, pero hai teatro, cinema, produtoras de audiovisuais, actores e actrices, medios públicos de comunicación en galego. Todo isto forma parte do mellor da autonomía. Pero a lingua non pode depender só das accións institucionais, ha de depender tamén do pulso social. E é aí onde eu percibo unha certa despreocupación. Agora, hai unha minoría que cre que o galego é un problema e hai outra minoría que cre que o é por outra razón, e hai unha ampla franxa social que está instalada nunha especie de comodidade. O galego non ten un nivel de resistencia moi alto desde o punto de vista sintáctico e fonético -é unha lingua romance moi próxima ao castelán e ao portugués- e, ao propio tempo, no seu uso non ten un alto limiar de resistencia. Marca menos falar ou non falar galego que catalán en Cataluña ou éuscaro no País Vasco.
– GH: Esa falta de empuxe da sociedade civil afecta tamén á industria cultural?
– RV: É que o problema está no sistema cultural no seu conxunto. Galicia non é unha potencia económica, e se algo a define é poder presentar no mundo a súa identidade cultural. Nos cinco continentes temos galegos e galegas que non renuncian á súa condición de galegos e galegas. Son pingas no océano, pero pingas importantes que se definen como galegas estean onde estean. Esta é nosa gran potencia. Ás veces, non nos decatamos diso e encerellámonos en debates domésticos esterilizantes.”