Xabier Quiroga: “A democracia esta, como a maioría delas, é comenencia dos que manexan o cotarro”

Entrevista a Xabier Quiroga en Galicia Hoxe:
“- Galicia Hoxe (GH): Na miña opinión, Xabier, a túa narrativa, con catro novelas, é xa obra de grande solidez e forza na narrativa galega, e mesmo coido que hai un nexo común en todas elas, que non é outro que o afondamento constante nas paixóns menos visíbeis dos seres humanos á procura dun futuro que sorprendentemente achamos no pasado, non é?
– Xabier Quiroga (XQ): Atinas. Resulta que moitos dos meus personaxes miran conscientemente para o pasado coa finalidade de atopar o seu presente e mesmo para procurar o futuro. É como se nese pouso que se vai acumulando ao cabo dos anos por dentro de nós estivese a verdadeira esencia do ser humano. De aí esa procura, constante e esencial. Afóndase no que se coñece, no que pasou, no que sentimos, para asentar o que descoñecemos e será. (…)
– GH: Vivimos unha época de esplendor das letras galegas?
– XQ: Certamente. E agora matizo: esplendor de creación, de autores dispostos a entregar obras cando menos interesantes, e esplendor incluso de edición. Pero desfeita ou quebra do outro plano, o da base lectora. E o primeiro non pode subsistir sen o segundo. Se non hai lectores adultos e formados, por moito que nos institutos se programen lecturas obrigatorias, por moito que o abano para realizar unha escolla da creación literaria sexa moi amplo, se non se potencia o que tantos chaman a visibilidade das nosas letras, que non é outra cousa que ofertar, aínda que só sexa ao mesmo nivel que a literatura en castelán, os libros en galego nos andeis, nas librarías, nos centros comerciais, na edición dixital, se non se fai algo polo noso, ese esplendor irá esmorecendo. Isto que che digo podes relacionalo coa primeira pregunta, a da lingua. Se sabemos ou intuímos onde vai a lingua, a literatura vai detrás ou con ela.”