Entrevista a María do Carme Kruckenberg en La Voz de Galicia:
“- María do Carme Kruckenberg (MCK): Os meus libros de poemas son unha auténtica autobiografía. Estou en cada un deles e digo o que quero dicir. Se a xente non é capaz de ler entre liñas é que non se decata de nada.
– La Voz de Galicia (LVG): ¿Por que entón unha biografía agora?
– MCK: Porque foi agora cando mo pediron. Oíran que a miña vida foi moi movida, moi viaxada, que coñecín a persoas tan variadas e interesantes como Castelao, Alberti, Pepe Bergamín, Camarón…
– LVG: Dicía que hai moita política…
– MCK: Si, porque nacín nunha familia de dereitas e caseime moi nova cun esquerdista que estivo no cárcere con Mussolini. Tiña 22 anos cando cambiei a España patatona e retirada do mundo pola liberdade absoluta na florecente Arxentina. Alí coñecín á elite da intelectualidade e alí comprendín que nin uns eran tan bos nin os outros eran tan malos.
– LVG: Se tivese que elixir a mellor etapa da súa vida, ¿cal sería?
– MCK: Serían dous. Os anos que vivín e viaxei cos meus pais, as cacerías, a rata que se comía a maleta, a lata furada convertida en ducha… E os primeiros anos da miña filla, á que estraño moito porque vive lonxe.”