O manifesto O xogo das cadeiras presentouse en Santiago polas escritoras María Reimóndez, Yolanda Castaño e Inma López Silva e pola crítica literaria Dolores Vilavedra, xunto a Helena González, investigadora universitaria. Reclaman que medre a presenza feminina na Real Academia Galega e quéixanse de que se teime en discriminar nesa institución a creación e a investigación femininas. Defenden que o único fin que buscan é que as próximas vacantes que haxa na institución académica se cubran con personalidades da cultura femininas. Na súa presentación o manifesto conta con 52 sinaturas de destacadas mulleres dos ámbitos da creación, a crítica literaria, a universidade e o xornalismo. As promotoras animan os interesados en adherirse á iniciativa que o fagan a través da súa web. Vía A Nosa Terra. Tamén en Galicia Hoxe e Xornal.