Xesús Manuel Marcos: “En Galiza hai veteranos de guerra menores de 30 anos”

Entrevista a Xesús Manuel Marcos en A Nosa Terra:
“- A Nosa Terra (ANT): A guerra dos Balcáns é un tema inédito na literatura galega. Por que se interesou polo tema?
– Xesús Manuel Marcos (XMM): Coido que ningunha guerra nos é allea, menos aínda unha na que xente próxima a nós participou. Coñecín xente que estivera alí e tiñan un testemuño moi diferente do que se nos “vende” a diario sobre as misións humanitarias no estranxeiro. Considerei necesario expoñer esoutra verdade fronte á idea que nos queren facer crer os grandes medios e os políticos. Quería escribir un libro que lle servise a quen o lea para formarse unha opinión real da participación do exército español na guerra dos Balcáns. (…)
– ANT: Vostede é un escritor en galego que vive en Madrid. Esa distancia favoréceo ou benefíciao?
– XMM: Para escribir, coido que me beneficia. Non só pola distancia senón polo feito de vivir en Madrid, unha cidade grande na que pasan moitas cousas e na que tes acceso a moita información que sería máis complicado obter nun lugar pequeno. Pero en xeral síntome orfo por morar lonxe de Galiza e gustaríame moito voltar se houbese posibilidade. En canto á visibilidade do teu traballo, penso que os que vivimos fóra estamos un pouco esquecidos, que os compañeiros non nos toman moi en conta.
– ANT: Unha das promesas da Consellaría de Cultura foi internacionalizar as letras galegas. Nótase esa presenza en Madrid?
– XMM: Institucionalmente, os organismos galegos culturais en Madrid teñen pouca actividade: algunha conferencia de cando en vez. A cultura galega non existe coma tal e só a través da iniciativa particular se move algunha cousa. Chama a atención a falta de apoio á tradución. Mentres ese asunto é capital na política cultural de Escandinavia –o que explica que haxa tanta literatura sueca nas nosas librarías– os esforzos de levar as nosas letras a outros mercados estaos a levar no lombo a empresa privada (caso de Pulp Books ou Faktoría K, por exemplo). E non poden pór a escusa dos cartos porque os custos da promoción son baixos. Tanto custa favorecer que se presenten libros e se asinen na Feira do Libro de Madrid? Son moitos os galegos que viven aquí e que celebrarían ver a súa cultura protexida e difundida nun acto tan popular. Eu un ano estiven, grazas á colaboración cunha libraría, e a aceptación foi grande, a pesar de ir “a pelo” coma quen di. Cando falan de internacionalización, deberían aclarar se a proposta é seria porque na práctica diso non hai nada. Fai falta unha institución que planifique a estratexia de difusión, implicando con vontade real os autores e editores. Cunha pouca ansia sería abondo. En Madrid hai a diario ciclos de autores portugueses, latinoamericanos, estadounidenses… Por que non galegos? Porque penso que o nivel de calidade é actualmente alto e si hai material exportábel pero non medios.”