Fran Alonso: “A serenidade vixiante”

Entrevista a Fran Alonso en Galicia Hoxe:
“- Galicia Hoxe (GH): O traballo de editar libros é bonito e interesante como facer traxes para as palabras? Un editor é dalgun xeito un costureiro?
– Fran Alonso (FA): O editor ten moito de costureiro ou, se cadra, de xardineiro. Coida as árbores máis fermosas do xardín para que luzan e arrecendan. O editor tamén é un mediador, pero un mediador que intervén sobre o libro, sobre o seu resultado final, e sobre a creación dun estandar socioliterario. Creo que o do editor é un papel fundamental, que hoxe por hoxe está en perigo debido á voracidade do mercado, e que debe ser reforzado máis ca nunca. Ademais, esa revolución fabulosa que supón a rede e o libro electrónico tamén supón, por desgraza, unha desvalorización do seu rol. Se queremos apostar por unha literatura de calidade, é necesario reivindicalo.
– GH: O libro O meu gato é un poeta lévanos a unha páxina web. Esa é a mellor forma de achegarse aos rapaces e rapazas de hoxe en día? É como se o libro tivese distintos camiños, e así resulta máis dinámico e está máis vivo. Resulta interactivo, e o lector-a tamén participa no libro.
– FA: Non sei se é a mellor, pero si unha forma moi próxima á súa sensibilidade e ás súas inquedanzas. A web de O meu gato é un poeta posibilita que os nenos participen activamente: poden opinar, poden votar, pode escoitar os poemas en mp3, poden navegar ao seu xeito. Paréceme importante darlle un papel preponderante ao lector. Eu non quería que o libro rematase no papel; quería que continuase máis alá, para sentir a poesía a través doutras propostas, ben sexa na web ou no disco, e que os nenos puidesen percibir os poemas a través de todos os sentidos posibles. Ademais, no futuro a poesía acabará trasladándose á web, e non tardará moito. (…)
– GH: Por que comparas a poesía cun globo azul que incha e voa e desaparece no aire?
– FA: Poucas cousas hai máis fermosas para un cativo que ver como un globo desa-parece no aire, sempre que non sexa o seu, claro. Para falar da poesía, no libro eu comparo as palabras cun globo, porque na poesía as palabras hai que inchalas moito, para que signifiquen moitas cousas, máis do que significan normalmente. Así constrúense os poemas: hai que soprar moito para inchar as palabras, que son como globos, e logo esas palabras son libres para expresar o que precisen expresar. Desa imaxe da poesía como un globo tamén procede un recital-espectáculo de poesía infantil galega que levo varios anos facendo en centros de ensino e bibliotecas e aos nenos encántalles. Esa experiencia foi fundamental para min á hora de escribir O meu gato é un poeta.