O Concello de Bueu convoca o VII Concurso de Relatos de Muller Matilde Bares, coas seguintes bases:
“- Participantes: Poderán participar homes e mulleres maiores de idade e residentes na Comunidade Autónoma de Galicia.
– Tema: Será libre, dentro da temática de muller. Non obstante, valorarase especialmente o tratamento da igualdade de oportunidades entre homes e mulleres, a corresponsabilidade nas obrigas familiares e sociais e a violencia de xénero. Os criterios de valoración para elixir as obras premiadas serán a orixinalidade no tratamento do tema, a expresión literaria, a creatividade e a utilización dunha linguaxe non sexista.
– Prazo de presentación: As obras teñen que ser presentadas -ou enviadas por correo- desde o 8 de marzo ata o 31 de maio ao Rexistro Xeral do Concello de Bueu (Eduardo Vincenti, 8, 36930 Bueu-Pontevedra), facendo constar no sobre CONCURSO DE RELATOS DE MULLER, MATILDE BARES.
– Premio: O premio consiste nunha dotación económica de 1500 €. O premio darase a coñecer nun acto público ó que terá a obriga de asistir a persoa gañadora.
– Condicións técnicas da obra: Os relatos só se poderán presentar no idioma galego. Os relatos serán orixinais e inéditos e non premiados con anterioridade en calquera outro concurso ou certame, para tales efectos, os concursantes realizarán unha declaración xurada na que se manifeste esta cuestión e que se presentará coa documentación requirida. Os traballos presentaranse en soporte papel e informático, debidamente paxinados. Terán unha extensión non inferior a 20 folios nin superior aos 40, escritos por unha soa cara, letra Times New Roman, tamaño 12 e interliñado 1,5. Os relatos entregaranse por cuadriplicado, co título da obra, lema e sen sinatura. Ademais, achegarase nun sobre pechado o nome e apelidos, enderezo, teléfono e fotocopia do DNI da autora/or. No exterior do sobre indicarase o título da obra e lema da autora/or. Cada autor/a, poderá presentar o número de relatos que estime conveniente.
– Xurado: O xurado, designado polo CIM, estará integrado por tres membros de recoñecida relevancia no eido literario. Actuará coma secretaria do mesmo, con voz e sen voto, a directora do CIM. A decisión do xurado, que será inapelable, darase a coñecer no mes de xuño.
– Devolución das obras: A obra premiada quedará en poder do Concello de Bueu, sendo do mesmo a titularidade dos dereitos e de publicación durante un ano. Os orixinais non premiados poderán retirarse no C.I.M. de Bueu, un mes despois de que se faga pública a decisión do xurado. Os que non se recollan neste prazo, serán destruídos.
– Normas Finais:
O xurado do certame terá a competencia de resolver calquera circunstancia non prevista nas presentes bases. O concello de Bueu declina a responsabilidade que poida xurdir no caso de que o relato gañador faga referencia a persoas vivas e circunstancias reais das que non teña coñecemento, e non se faga referencia expresa á autorización dos interesados/as. Será responsable únicamente o/a autor/a. O concello de Bueu non se fará cargo dos custos económicos para a devolución das obras por correo das/os autoras/es que o soliciten. A participación neste certame supón a total aceptación das presentes bases.”