Xulio López Valcárcel: “A cadencia en voz baixa”

Entrevista de Lupe Gómez a Xulio López Valcárcel en Galicia Hoxe:
“- Galicia Hoxe (GH): Por que o libro Herba aquí e acolá de Cunqueiro te marcou tanto?
– Xulio López Valcárcel (XLV): Certamente Herba aquí e acolá é un dos libros que máis me interesan da nosa poesía. Lino, relino, volvín e volvo a el, e sempre o atopo vivo, vizoso, fondo. Non envellece. Creo que é un libro de madurez, de sabedoría, cando o autor xa está de volta de soflamas e vaidades e fai un reconto do vivido, amosando a nudez, a tenrura, a piedade extrema, a comprensión do derrotado, que é el mesmo, que somos todos, a través dunha elegante distancia, da lenda, do mito… Pero hai outros libros marabillosos nas nosas letras. Velaí están Follas novas, de Rosalía; De catro a catro, de Manuel Antonio, Mesteres, de Arcadio López-Casanova, Os Eidos de Novoneyra… e tantos outros.
– GH: Como eran aqueles paseos vosos -de estudantes que queren ser poetas- por Compostela cando queriades formar o colectivo Cravo Fondo? De que falabades? Que preocupacións e que ilusións tiñades?
– XLV: A maior relación foi con Fiz Vergara e Xavier Rodríguez Barrio, en Lugo. Despois en Santiago relacioneime con Helena Villar e Xesús Rábade, mais xa estaban casados e tiñan, como é lóxico, outras obrigas. De maneira que por razóns de idade e de estudos cos que máis andei foi con Ramiro Fonte e co meu irmán Xesús. Eramos novos, moi ilusionados e entusiastas e creo que o tempo se encargou de demostrar que en nós había unha verdadeira vocación literaria. Unha cousa que tiñamos clara, xa daquela, era a nosa adscrición monolingüe, expresarnos en galego, escribir en galego, pois estimabamos que nunha situación de-sharmónica e desequilibrada, apostar pola lingua dominante contribúe a manter oprimida a cultura sometida, neste caso a propia!
– GH: Por que Antón Tovar é un mestre para ti? Que é o que admiras del como persoa e como poeta?
– XLV: O que máis me gusta de Tovar é a súa expresión sinxela, directa, cunha fonda emoción e cunha gran nudez. Non vai de nada, ao contrario, desactiva, rebaixa a énfase, rexeita a retórica vacía, é verdadeiro. Coincido tamén con el na preocupación existencial. Admiro a moitos outros poetas, galegos e non galegos, pero de Tovar aprendín o ton menor, a cadencia en voz baixa, a intensidade concentrada. Se me parei nel foi porque, ao meu xuízo, nunca se lle deu a importancia que merece.”