Eva Moreda: “Desaproveitouse o capital dos emigrantes retornados”

Entrevista a Eva Moreda en A Nosa Terra:
“- A Nosa Terra (ANT): Chama a atención que nunca fale de lingua galega ou Galiza/Asturias. Sempre usas “como dicimos alá”… Por que esa decisión?
– Eva Moreda (EM): Houbo varios motivos. En primeiro lugar, escribín toda a novela [A Veiga é como un tempo distinto] coa Veiga, a vila onde nacín, na mente, aínda que a Veiga real non coincide exactamente coa Veiga novelada. Pero, obviamente, A Veiga non é administrativamente galega, e penso que podía causar confusión no lector que os personaxes se referisen a Galicia como o seu país de orixe cando, en sentido estrito, non o é. De feito, moita xente aínda se estraña de que, tendo nacido en Asturias, escriba en galego, porque ignoran totalmente que o occidente de Asturias é galegofalante. Pero tampouco quería meterme a fondo co problema do Eo-Navia, cultural e lingüisticamente galego, administrativamente asturiano; aínda que é un tema que me interesa moitísimo, non era esta novela o lugar no que desenvolvelo polo miúdo. Máis que perderme en debates deste tipo, quería presentar A Veiga como un posíbel trasunto de tantas vilas galegas dos 60 e 70 que sufriron a emigración.
– ANT: Vostede que algo coñece Londres, pensa que queda algún vestixio da presenza galega alá?
– EM: Aínda quedan moitas cousas. O Centro Galego, as clases de galego para fillos de emigrantes no colexio Cañada Blanch, nomes de tendas e de negocios que te sorprenden porque a referencia a Galicia é evidente… Logo está a xeración dos que chegamos nos últimos 15 anos, que xa ten un perfil totalmente distinto e na que si que eu vexo unha vontade de facer país desde a distancia.
– ANT: Que futuros proxectos literarios enredan arestora a Eva Moreda?
– EM: Agora mesmo estou enleada con literatura infantil, ou infanto-xuvenil. Non me resulta moi fácil, porque non teño fillos, nin sobriños, nin son profesora de Primaria ou Secundaria, pero intrígame explorar se son quen de escribir algo para este tipo de lectores. Sobre todo para a franxa de idade de 12 ou 13 anos, que é unha idade moi desconcertante. Tamén teño un par de borradores de novelas para adultos nos que me gustaría seguir traballando, pero a miña prioridade agora é a literatura para os máis novos.”