O English PEN premia a tradución do galego ao inglés dunha obra de Eva Moreda

Desde Galicia Confidencial:
“O English PEN, a través da súa sección de Traducións, vén de premiar libros de 15 países traducidos á lingua inglesa pola súa “calidade literaria sobresaínte, forza do proxecto editorial e contribución á diversidade literaria no Reino Unido”. Entre as obras premiadas atópase Home is Like a Different Time, de Eva Moreda, traducida do galego por Craig Patterson (Francis Boutle, 2018). Trátase da versión inglesa de A Veiga é como un tempo distinto (Xerais, 2015).
Segundo o English PEN, entre as obras premiadas están “a primeira novela de Mauritania traducida ao inglés e novelas traducidas de linguas europeas minoritarias e menos traducidas como occitano, galego e albanés, cun número igual de autores masculinos e femininos seleccionados”.
Ros Schwartz, co-presidente do panel de premios, manifestou que os editores estanse volvendo “cada vez máis aventureiros” nas súas eleccións, e salientou que, “curiosamente, unha serie de proxectos están dirixidos por tradutores, o que subliña o papel activo que estes poden desempeñar para levar os libros á atención dos editores.”
Os premiados recibirán axudas específicas para asumir o custo da tradución.
O English PEN é o centro fundador do Pen Club Internacional, que engloba a escritores de todo o mundo con 145 centros en máis de 100 países.”

Coñécense os finalistas do Premio Arcebispo San Clemente

“O 18º Premio Literario Arcebispo San Clemente, que fallan os alumnos de Bacharelato do Instituto Rosalía de Castro de Santiago e doutros catro centros de Galicia, xa conta con finalistas nas tres modalidades de novela galega, en castelán e estranxeira. En lingua galega as obras finalistas son: A Veiga é como un tempo distinto, de Eva Moreda; O bebedor de rakia, de Xesús Manuel Marcos; e Extramunde, de Xavier Queipo -as tres editadas por Xerais-. As finalistas en lingua castelá son: Caligrafía de los sueños, de Juan Marsé (Lumen); El ruido de las cosas al caer, de Juan Gabriel Vásquez (Alfaguara); e Deseos, de Marina Mayoral (Alfaguara). En lingua estranxeira: Sete anos, de Peter Stamm (Cantil); O mapa e o territorio, de Michel Houellebecq (Anagrama); e Purga, de Sofi Oksanen (Rinoceronte). A entrega dos premios aos gañadores da anterior edición (Xulia Alonso, Eduardo Mendoza e Colm Tóibín) terá lugar o 22 de marzo.” Vía La Voz de Galicia.

“Escaparate literario de obras galegas en Italia”

“A través da web Insula europea, un grupo de estudosos de diversas literaturas europeas coordinado polo profesor de Filoloxía Románica da Universidade de Perugia, Carlo Pulsoni, propoñen diferentes títulos coa finalidade de que as editoriais italianas se animen a traducilos. Unha das literaturas con máis presenza é xustamente a galega coas novelas Un tipo listo, de Xosé Monteagudo, A Veiga é como un tempo distinto, de Eva Moreda, Pirata, de María Reimóndez, Así nacen as baleas, de Anxos Sumai e Spam, de Francisco Castro. Este espazo virtual pretende ser un punto de encontro para novos investigadores interesados en aspectos culturais (históricos, filolóxicos e literarios) europeos. Ademais da función informativa e integradora, cómpre destacar a iniciativa da Vetrina letteraria que incorpora títulos de obras croatas, checas, portuguesas, romanesas, francesas, holandesas, alemás, españolas, inglesas e tamén galegas. Unha vez que estamos na web. premendo en cada unhas das propostas aparece a portada do libro, unha recensión do contido, a lingua orixinal, a editorial e o contacto da persoa que facilita a información. Deste xeito as editoriais italianas, que doutro xeito terían dificultades para coñecer algunhas obras estranxeiras, sobre todo aquelas procedentes de sistemas literarios minorizados, atopan suxestións avaladas por especialistas e un contacto ao que dirixirse para demandar máis información. A actualización da sección será constante por parte destes expertos de distintas nacionalidades que, no caso de que as editoriais así o soliciten, poderían incluso ofrecer fragmentos traducidos das obras requeridas”. Vía Galaxia.

Eva Moreda: “Desaproveitouse o capital dos emigrantes retornados”

Entrevista a Eva Moreda en A Nosa Terra:
“- A Nosa Terra (ANT): Chama a atención que nunca fale de lingua galega ou Galiza/Asturias. Sempre usas “como dicimos alá”… Por que esa decisión?
– Eva Moreda (EM): Houbo varios motivos. En primeiro lugar, escribín toda a novela [A Veiga é como un tempo distinto] coa Veiga, a vila onde nacín, na mente, aínda que a Veiga real non coincide exactamente coa Veiga novelada. Pero, obviamente, A Veiga non é administrativamente galega, e penso que podía causar confusión no lector que os personaxes se referisen a Galicia como o seu país de orixe cando, en sentido estrito, non o é. De feito, moita xente aínda se estraña de que, tendo nacido en Asturias, escriba en galego, porque ignoran totalmente que o occidente de Asturias é galegofalante. Pero tampouco quería meterme a fondo co problema do Eo-Navia, cultural e lingüisticamente galego, administrativamente asturiano; aínda que é un tema que me interesa moitísimo, non era esta novela o lugar no que desenvolvelo polo miúdo. Máis que perderme en debates deste tipo, quería presentar A Veiga como un posíbel trasunto de tantas vilas galegas dos 60 e 70 que sufriron a emigración.
– ANT: Vostede que algo coñece Londres, pensa que queda algún vestixio da presenza galega alá?
– EM: Aínda quedan moitas cousas. O Centro Galego, as clases de galego para fillos de emigrantes no colexio Cañada Blanch, nomes de tendas e de negocios que te sorprenden porque a referencia a Galicia é evidente… Logo está a xeración dos que chegamos nos últimos 15 anos, que xa ten un perfil totalmente distinto e na que si que eu vexo unha vontade de facer país desde a distancia.
– ANT: Que futuros proxectos literarios enredan arestora a Eva Moreda?
– EM: Agora mesmo estou enleada con literatura infantil, ou infanto-xuvenil. Non me resulta moi fácil, porque non teño fillos, nin sobriños, nin son profesora de Primaria ou Secundaria, pero intrígame explorar se son quen de escribir algo para este tipo de lectores. Sobre todo para a franxa de idade de 12 ou 13 anos, que é unha idade moi desconcertante. Tamén teño un par de borradores de novelas para adultos nos que me gustaría seguir traballando, pero a miña prioridade agora é a literatura para os máis novos.”