Entrevista a Xavier Queipo en Xornal:
“- Xornal (X): Que se conta en Extramunde?
– Xavier Queipo (XQ): É unha novela de aventuras ambientada no século XVI e ten unha forte compoñente ideolóxica. Critícase a opresión da ideoloxía única da Igrexa católica naquel momento, o colonialismo… Dáse unha visión dos dereitos fundamentais do home, e en particular do dereito á liberdade, a través dun grupo de persoas condenadas polo Santo Oficio. (…)
– X: No Encontro Internacional de Literatura de Viaxes (Litvi), que financia a Xunta con 20.000 euros, non hai un só escritor galego. Non os hai ou non os ven?
– XQ: Unha cousa é que non teñamos unha experiencia marítima e outra que non sexamos viaxeiros ou non teñamos literatura de viaxes. A literatura da emigración é literatura de viaxes, e temos abondosos exemplos recentes, como New York, New York de Inma López Silva, Fin de século en Palestina de Miguel Anxo Murado ou o que escribín sobre as miñas viaxes por Asia. A metade de Saltimbanquis no paraíso, de Xelís de Toro, tamén se desenvolve en Londres. E hai literatura de catedrais, por suposto. De que fala Trece badaladas? De que fala Festina lente? Falan de catedrais. Se fose profesor de literatura e non biólogo, podería dar moitísimos máis exemplos.
– X: Daquela, como se explica?
– XQ: Supoño que a dirección consideraría que aos autores galegos non son abondosos, nin en número nin na súa calidade. Eu estiven na primeira edición, e coido que en igualdade de condicións con xente como Julio Llamazares ou César Antonio Molina. Nunca me sinto inferior cando estou con autores de sistemas literarios cun idioma maioritario, pero tampouco podemos esquecer que o galego é unha lingua minorizada en Galicia. Unha lingua que, debendo ser maioritaria, como indica o noso Estatuto de Autonomía, está a ser atacada pola xente que ten medo, pola dereita. Ser de dereitas consiste niso, en ter medo.
– X: Medo a que?
– XQ: Medo a que cambie unha coma no libro sagrado, no sistema de referencias no que eles se sinten seguros. O máis revolucionario en Galicia é escribir en galego, e por iso o fago.”