Agustín Fernández Paz: “Consentemento e resistencia”

Entrevista a Agustín Fernández Paz en Galicia Hoxe:
“- Galicia Hoxe (GH): A novela [Non hai noite tan longa] conta o reencontro de Gabriel, o protagonista, co seu pasado, coa historia da súa familia. Pero máis que nada parece que o obxectivo da novela é retratar o que en varias ocasións se define como “miseria moral” daquela sociedade…
– Agustín Fernández Paz (AFP): O libro ten unha historia que vertebra o que se quere contar, pero do que se trata é de botar unha ollada crítica, moral, sobre a época na que a miña xeración era nova, nos anos 60. E esa é unha das regras da boa novela negra clásica. Dashiell Hammett desenvolve unha trama nas súas novelas, pero en realidade estanos falando de cuestións como a corrupción.
– GH: Pero considera o seu libro unha novela negra? Exemplo desa miseria moral que retrata é como se condena socialmente as mulleres violadas…
– AFP: É unha obra con elementos de novela negra. Esa indagación moral, sobre todo, e xa non só o feito de que haxa unha investigación sobre un caso, o do pai do protagonista, encarcerado por un delito que non cometera. Houbo moitas mulleres coma Berta, violada e obrigada polos seus propios pais a calar, a ocultalo, porque se as culpaba dese acto de violencia de xénero dicindo que eran “lixeiras de cascos” e ese tipo de cousas. (…)
– GH: Moito premio recibe. Foi nominado para os Andersen, seleccionado pola Dalkey Archive Press…
– AFP: Iso é porque son maior. Sempre son de agradecer os premios… agás algún caso particular… -refírese ó Premio da Cultura Galega, que rexeitou como modo de protesta contra a política cultural e lingüística do actual Goberno-. E non me preguntas pola foto de portada, na que sae Rosa Parks, a muller que non lle cedeu o asento no autobús a un branco porque estaba “farta de ceder”. Martin Luther King escribiu sobre ela. O Movemento polos Dereitos Civís ten aínda moito que ensinarnos: a non violencia, a protesta… e o movemento do 15-M ten que ver con isto, aínda que estea menos organizado.”