María do Carme Kruckenberg prevé editar dous novos poemarios este ano 2011

‘A editorial Barbantesa publicará este ano dous novos poemarios da escritora María do Carme Kruckenberg (Vigo, 1926). O primeiro deles verá a luz nas próximas semanas e titúlase O enigma do segredo. Esta obra reúne un feixe de cincuenta poemas que estaban no caixón á espera de seren publicados. “Son poesías que escribín na última época, entre 2007 e 2009. Estaban aquí durmindo. Espero que gusten, xa que considero que son moi importantes e do mellor que escribín” (…) Para Kruckenberg, estes versos reúnen gran parte do seu estilo poético. “Son un anaco moi importante do meu dicir poético, son moi importantes para min. Ten certas claves para que os lectores vexan que son versos que pagan a pena”, sinala a escritora, que destaca a presenza do “desacougo e a morte” nos seus poemas. Ademais, a Guerra Civil xoga un papel destacado no poemario, xa que centra un dos diversos apartados nos que se divide esta obra poética. Deste xeito, a escritora busca homenaxear e lembrar os mortos e as vítimas da contenda e da posguerra.
Cara ao final de ano, Barbantesa lanzará outro poemario da escritora María do Carme Kruckenberg. Neste caso, o tema central será o jazz, un estilo musical que a autora xa analizara dende un punto de vista poético en 1999. Aquel ano, Kruckenberg publicara un total de 17 poemas ilustrados pola artista Eva Llorens sobre os grandes nomes masculinos do jazz. Baixo o título Jazz Espido (Edicións do Castro), o libro estaba dedicado a varios compositores e os debuxos eran de mulleres espidas. Doce anos despois, Kruckenberg pecha o círculo. “Faltaban os poemas dedicados ás grandes mulleres do jazz, era algo que estaba pendente”, sinala a escritora, que considera que con esta obra “xoga co pasado” ao volver a el para enfrontarse cunha materia pendente. A escritora recoñece, ademais, que realizou estes poemas nas últimas semanas, nun “momento de enfermidade”. Non obstante, non puido deixar de traballar. “Non podo estar sen facer nada, cada noite soño cun poema”, recoñece.’. Vía Xornal.