Teresa González Costa gaña o I Premio Mome de Teatro Varela Buxán, convocado polo Museo do Moble e da Madeira da Estrada. O xurado, formado polo xerente do Mome, Xosé Luna, o profesor Carlos Loureiro e o lingüísta Valentín García, decidiuse por Madeira de gañador, unha obra que fala da transformación do protagonista e a identificación do individuo coa madeira, da que destacaron, segundo se recolle na acta, a súa “calidade literaria, o xogo escénico e a cohesión da obra dramática nunha única peza que amosa unha voz dramática anovadora”. A autora recollerá o vindeiro día 24 de xuño o galardón, dotado con 1.000 euros, unha figura en madeira de Manuel Fragoso e a publicación do texto.