Desde Galicia Confidencial:
“O escritor e xornalista Alberto Ramos Ríos gañou o 21º Premio Abrente de Textos Teatrais coa obra Por unanimidade. O autor xa recibira este galardón, convocado polo Concello de Ribadavia a través da Mostra Internacional de Teatro (MIT), hai dous anos, na súa 19ª edición, con Os servizos prestados.
Un xurado integrado por Lucía Aldao, Carlos Álvarez-Ossorio e María Ángeles Iglesias Lopardo decidiu outorgarlle por maioría o premio a Alberto Ramos. O galardón inclúe 4.000 euros e a edición da obra gañadora.
A decisión do xurado está motivada “por ser un texto humorístico, con personaxes moi ben construídos e un ton irónico intelixente, cun ritmo áxil no que destaca a capacidade de construír a seis voces. O texto introduce cuestións de actualidade e, cunha base de crítica política ao contexto cultural, axuda, a través do humor, a reflexionar sobre a propia natureza dos premios e as súas problemáticas, ademais de construír unha situación extrapolable a outras reunións ou encontros entre grupos de persoas que precisan chegar a acordos desde posicións diversas”. (…)”
Arquivo da categoría: Premios teatro: ditames
Carlos Labraña gaña o IX Premio de Textos Teatrais Roberto Vidal Bolaño coa obra “Sós”
Desde Galaxia:
“O dramaturgo Carlos Labraña gaña o IX Premio de Textos Teatrais Roberto Vidal Bolaño pola obra Sós, segundo acordou por unanimidade o xurado reunido o pasado 21 de maio de 2026 na Biblioteca do IES Ribeira do Louro, no Porriño.
O xurado, integrado por Iván Caloto, Pepa Barreiro, Delio García Represas e Raquel Castro, destacou da peza “que sexa unha obra que aborda un tema de actualidade, a guerra, con especial tenrura e sensibilidade; ademais de pola súa linguaxe poética, escrita cun delicado coidado da lingua”.
Na acta do fallo tamén se subliña que “a dramaturxia xoga cunha estrutura que separa o universo íntimo e o máis social dándolle relevancia a partes iguais e as anotación son en realidade poemas que transmiten un sentimento profundo que te leva á reflexión”.
O xurado considerou ademais que se trata “dunha obra moi acaída para o público xuvenil pola temática actual que trata, tanto para a súa representación como para a súa lectura”. (…)”
Raquel Castro gaña o Premio Anisia Miranda de Teatro para a infancia
Desde Cultura Galega:
“A obra Perder o norte, de Raquel Castro Martínez (Salvaterra do Miño, 1971) resultou a gañadora da quinta edición do Premio Anisia Miranda de teatro para a infancia que convoca a Fundación Xosé Neira Vilas en colaboración coa Dirección Xeral de Cultura da Xunta. O xurado destacou da obra gañadora a súa proposta visual, así como o áxil ritmo dos diálogos no texto. Destacan tamén a actualidade do tema polo tratamento dos valores relacionados co medio ambiente e coa paz e tamén consideran moi positiva a presentación dos personaxes e a relación entre os nomes dos corpos celestes coa mitoloxía e as lendas. O galardón está dotado con 1.000 euros e a publicación da obra na Editorial Embora. A entrega terá lugar na sede da Fundación en Gres o día 24 de maio ás 18.00 horas, nunha xornada na que tamén se presentará o libro premiado na edición do 2024. Raquel Castro é profesora de lingua galega e literatura no ensino secundario, así como presidenta e fundadora da Asociación Teatral de Alxén dende 1999.”
Brión: entrega do VIII Premio para textos teatrais Laudamuco a María Peinado Casal
José Luís Baños de Cos gaña o I Premio Castelao de Textos Teatrais con “Khôra”
Desde Galaxia:
“A Editorial Galaxia publicará a obra Khôra, de José Luis Baños de Cos, gañadora do I Premio Castelao de Textos Teatrais e ambientada na cidade de Vigo. Este novidoso certame, impulsado pola Deputación de Pontevedra para poñer en valor a figura do intelectual galego e seguir impulsando a cultura e lingua galegas, foi un completo éxito de participación cun total de 43 obras presentadas.
O xurado, presidido por Luis López Diéguez, presidente da Deputación e integrado por Ana Carreira Varela, actriz, dramaturga e narradora oral; María Cristina Domínguez Dapena, docente e directora teatral; Vanesa Martínez Sotelo, actriz e dramaturga galega; Francisco Javier Núñez Alonso, director do Centro Dramático Galego; e Antonio Pena Abal, docente e escritor, escolleu por unanimidade a obra Khôra como merecedora deste primeiro premio Castelao, dotado con 12.000 euros. “A temática social, que amosa problemas do noso tempo; a calidade na escrita reflectida a través dos diálogos e da caracterización das personaxes; e a axilidade da súa estrutura” foron os argumentos esgrimidos polo xurado para elixir a peza do dramaturgo José Luis Baños de Cos.
En palabras do propio autor da obra: “Khôra trata sobre un grupo de amigos que se reúne cada venres para poñerse ao día sobre o acontecido durante a semana. A través destes encontros, a obra amosa a realidade social na que viven: os problemas da vivenda, o significado do fogar, os cambios ideolóxicos, a transformación das cidades en lugares menos habitables e como a procura de utopías rematan en distopías xustificadas en nome do progreso. En definitiva, Khôra é unha reflexión sobre o ser humano contemporáneo e sobre como cambiaron as súas relacións persoais e o seu vínculo co espazo que habita.””
Isabel Fernández González gaña o 20º Premio Abrente da MIT de Ribadavia
Desde Erregueté (foto da autora, por Rosiña Rojo):
“O texto O miradoiro, da autora leonesa Isabel Fernández González (Isa Fernández, nada en La Valduerna no ano 1993) resultou ser o escollido, por unanimidade, polo xurado do 20º Premio Abrente da MIT de Ribadavia. Este, que estaba formado Ana Romaní, Arantza Villar e Sara Rey, destacou da obra premiada “a profundización dos personaxes e a intelixencia dos diálogos como espello das relacións humanas actuais”.
A peza presenta “unha conversa íntima entre dúas persoas que reflexionan sobre a súa relación e os seus desencontros, un diálogo que se expande cara a un espazo máis amplo e metafórico, como retrato dunha sociedade cada vez máis individualista”. Para o xurado, o texto “salta habilmente do persoal ao colectivo, nun cruce de xuízos críticos que aborda temas de actualidade dende o contraste de posicións, deixando entrever as dificultades de activar a empatía e recordando a importancia da escoita para a vida en comunidade”.
“Son orixinaria dunha pequena aldea leonesa, desas que no verán se enchen de trigo seco e no inverno conxelan o alento. Medrei ao quente do braseiro, escoitando á miña avoa contar historias doutros tempos e xogando a contalas no grupo de teatro da escola rural. Para min, o teatro é encontro”, explicou a autora á MIT sobre a súa traxectoria e a súa conexión co teatro. “Escribo dende que teño memoria. Poesía, teatro, ensaio e, sobre todo, textos sen xénero. Unha boa potaxe, que diría a miña avoa. Sempre buscando o xeito de diluír os límites, gústame tanto ler a Beckett como bailar unha boa bachata na verbena. Por iso valoro tanto os proxectos culturais que conectan o teatro e as artes vivas coas vivencias da xente de a pé”, engadiu, en relación coa súa relación coa escritura.
Isabel, segundo compartiu tamén coa MIT, está instalada en Galicia desde hai oito anos, dende que chegou a un recuncho arzuán onde aprendeu o galego das veciñas e se reencontrou co teatro da man da Gentalha do Pichel e da Escola Espazo Aberto. Actualmente forma parte da compañía ALOMAIS Teatro, creada este mesmo ano, que está a piques de estrear a súa primeira montaxe. Cun sacho como símbolo, a autora e o seu equipo entenden o teatro como “o humilde oficio de sachar o espazo para que a vida poida agromar”. (…)”
Acta da reunión do xurado do XXII Certame Literario Concello de Ames
A Coruña: acto de entrega dos Premios da A. C. O Facho 2025
Iván Caloto gaña o VII Premio Vidal Bolaño
Desde Galaxia:
“Reunido o Xurado do Premio de Textos Teatrais Roberto Vidal Bolaño, formado por Celia Díaz Núñez, escritora e dramaturga; Nadia Geijo Domenech, actriz; Delio García Represas, profesor e coordinador dos Contratos programa de Teatro do IES Ribeiro do Louro; e Raquel Castro, como secretaria do xurado, o mércores 21 de maio de 2025 ás 17:30 h. na biblioteca do IES Ribeira do Louro decide declarar gañadora desta VIII edición a obra Os rapaces só se tocan para darse de hostias, que, unha vez aberta a plica, resultou ser da autoría de Iván Caloto.
O xurado destaca da peza a capacidade para afondar no miolo dos conflitos sociais e persoais; e na orixe dos prexuízos. Explora a necesidade de pertenza ao grupo que todos temos con personaxes verosímiles e recoñecibles. Obra coral que nos ofrece moitas voces, con diálogos áxiles, que axudan a configurar o drama presentado. (…)”
O tesouro, de Lidia de la Fuente, Premio Anisia Miranda de Teatro para a infancia
Desde a Fundación Xosé Neira Vilas:
“A viveza dos diálogos, o uso intelixente dos recursos escénicos e o hábil emprego do humor son algunhas das cualidades que salientou o xurado desta cuarta edición do galardón, que conta co apoio e a colaboración da Secretaría Xeral de Cultura da Xunta de Galicia. Dito xurado estivo composto polos membros do Padroado da Fundación Pilar Sampedro e Fernando Redondo, xunto co dramaturgo e académico da RAG Euloxio Ruibal.
A entrega ten lugar o 18 de maio, ás 18.00 na sede da Fundación Xosé Neira Vilas, en Gres (Vila de Cruces). O peche musical do acto está a cargo do cantautor Armando González, quen interpreta varias adaptacións de poemas de Neira Vilas. (…)”






