Ana María Carreira leva o IV Premio de Teatro MOME Varela Buxán

DesdePremio Varela Buxán 2014 1 Cultura Galega:
“O premio de teatro Mome Varela Buxán que convoca o Concello da Estrada foi na súa cuarta edición para Ana María Carreira Varela. O xurado, composto por Cándido Pazó, Santiago Cortegoso, Xosé Lueiro e Henrique Vázquez considerou a obra Un intre antes do solpor, presentado por esta autora, merecedor dos mil euros do galardón entre as 14 obras que se presentaron. O xurado destacou a sensibilidade no tratamento do tema da senectude e a coidada técnica dramatúrxica do texto.”

Santiago Cortegoso gaña o III Premio de Teatro MOME Varela Buxán

“Unha vez lidos os orixinais presentados ao III Premio de Teatro MOME Varela Buxán o xurado, composto polos directores de escena Marta Pazos e Xúlio Lago e o dramaturgo e director da Aula de Teatro Universitaria de Santiago de Compostela, Roberto Salgueiro; acordou por unanimidade, conceder o premio de teatro á obra presentada baixo o lema Smoke on the water, que unha vez aberta a plica correspóndese coa obra Smoke on the water da autoría de Santiago Cortegoso Calvar. (…)
En opinión do xurado, os motivos da concesión do premio son os que se enumeran a continuación:
– A excelente arquitectura da peza onde os personaxes aparecen conformados a partir dun complexo mundo interior.
– Os diálogos están desenvolvidos con precisión e constitúen unha axustada reloxería dramática.
– O rico universo temático que plantexa o autor a partir do concepto da dependencia, que pon en relación con ámbitos como a droga, o sexo, o amor, a enfermidade, as relacións familiares, os recursos económicos…; para realizar unha visión crítica do presente, poñéndoa en relación co fracaso dun idealismo pasado.
A entrega do premio terá lugar nas próximas semanas.”

Xosé Lois García gaña o II Premio MOME de Teatro Varela Buxán

“O chantadino Xosé Lois García é o gañador do II Premio MOME de Teatro Varela Buxán, convocado polo concello da Estrada coa colaboración da Secretaría Xeral de Política Lingüística. O venres 8 de xuño a Sala de Xuntas do Concello da Estrada reuniu o xurado para fallar o gañador desta II edición do Premio de Teatro. Formado polo mestre e escritor Olimpio Arca Caldas, a profesora Rocío Calviño Cerviño, o escritor e investigador Héitor Picallo Fuentes, e polo Xerente do Mome, que actuará como secretario, Xosé Luna Sanmartín acordou nomear como obra gañadora A cerna, de Xosé Lois García.” Vía Fervenzas Literarias.

Teresa González Costa gaña o I Premio Mome de Teatro Varela Buxán

Teresa González Costa gaña o I Premio Mome de Teatro Varela Buxán, convocado polo Museo do Moble e da Madeira da Estrada. O xurado, formado polo xerente do Mome, Xosé Luna, o profesor Carlos Loureiro e o lingüísta Valentín García, decidiuse por Madeira de gañador, unha obra que fala da transformación do protagonista e a identificación do individuo coa madeira, da que destacaron, segundo se recolle na acta, a súa “calidade literaria, o xogo escénico e a cohesión da obra dramática nunha única peza que amosa unha voz dramática anovadora”. A autora recollerá o vindeiro día 24 de xuño o galardón, dotado con 1.000 euros, unha figura en madeira de Manuel Fragoso e a publicación do texto.