Xosé María Álvarez Cáccamo: “Poesía para exposicións”

Reportaxe en Cultura Galega sobre o diálogo entre poesía e plástica na obra de Xosé María Álvarez Cáccamo:
‘”Desde moi pequeno sentín atracción por diferentes manifestacións das artes visuais. Desde sempre fixen maquetas ou máquinas inventadas por min, pero non lle daba trascendencia. A finais dos 80 comecei a tomalo máis a serio, sobre todo a manufactura de obxectos”. A aposta de Cáccamo por este tipo de creacións insírese nunha tradición poética que arrinca xa co surrealismo e o dadaísmo. “Cando coñecín o traballo de Joan Brossa neste sentido sentinme moi motivado. Eu daquela chamáballes obxectos construídos, pero funme abeirando ao que se pode chamar poema obxectual”. O poeta recoñece a dificultade de separar este concepto da escultura. “Non penso que o saiban realmente nin os críticos. No meu caso polo menos, os poemas visuais inclúen texto ou algunha referencia textual ou literaria, como pode ser empregar máquinas de escribir ou mesmo só os teclados separados da máquina. Nalgúns casos teñen un valor visual por si, pero outros cómpre lelos ou interpretalos. Pola contra, para min os obxectos construídos están un pouco máis na liña da escultura”, explica este autor.
Con boa letra
Canda ao traballo con obxectos, Cáccamo traballa tamén a poesía visual ou caligráfica. Obras como Manuscritos do ar ou a mais recente Cántico de topónimos esdrúxulos amosan versos manuscritos nos que as palabras collen diferentes cores e formas para expresar as ideas do autor. “Gústame o acto físico de escribir a man, teño toda unha afección emprego da letra manual e sempre traballei con letrismos e este tipo de cousas”, lembra o autor. Este tipo de composicións entrou con forza na poesía occidental cos caligramas de Apollinaire, que compuñan figuras mediante as letras. No entanto, o traballo de Cáccamo non aposta por recrear formas concretas. “A seguir ese diálogo entre pintura e texto, penso que pode entrar nel tamén a pintura abstracta, e entón no meu caso a apariencia externa das letras non é figurativa, pero non deixa de haber unha referencia pictórica mediante o emprego de formas abstractas. En realidade o poema caligráfico e o caligrama son dous produtos moi próximos”. (…)
Outros creadores
A nivel galego, non son moi comúns apostas creativas como as que fai Álvarez Cáccamo, aínda que existe unha certa tradición a nivel de poesía na que o texto compón figuras con autores como Manuel Antonio ou de interese polo poema caligráfico con exemplos destacados como Uxío Novoneyra. No entanto, Álvarez Cáccamo salienta que si coñece creadores que na actualidade exploran vías semellantes, aínda que en moitos casos non se coñecen de xeito público. “Coñezo a xente que se dedica a isto, non moitos en Galicia, poida que sexamos 10 ou 12, con autores como Xavier Seoane, Claudio Rodríguez Fer, Elvira Riveiro ou Baldo Ramos, pero hai máis xente do que se pensa, e na rede van aparecendo cousas”. A propia dificultade para publicar de xeito masivo este tipo de traballos afasta en boa medida estas creacións da edición convencional. Un superior custe dos facsímiles de textos caligráficos ou directamente a imposibilidade de facer grandes tiraxes do que son auténticas esculturas fan que só se poidan atopar en tiraxes pequenas e coidadas como as que realiza a editorial Bourel, ou que haxa que asistir a exposicións para coñecer este tipo de creacións. “É unha arte moito máis minoritaria do que a poesía discursiva, e é tamén normal que nun territorio onde falta aínda normalización cultural non se lle preste demasiada atención a propostas menos convencionais. Eu mesmo teño poesía na liña do letrismo, combinando letras de imprenta, ou feita con imaxes e lenzo, pero non a teño publicado”.’