Artigo de Ramón Caride nos Cadernos Redelibros:
“¿De que falamos cando falamos de fantasía científica?
Falar de ciencia ficción semella unha contradicción per se. Se unha cousa é ciencia non é ficción, e se é ficción non é ciencia. Ou sexa, que nos choven as labazadas dos dous lados. E por riba: defensione non pedita… Citas á parte, os catalogados como autores de subxénero, con todo o que o prefixo sub ten de connotativo, non temos moita ocasión de falar de literatura. Como se a literatura non fose con nós.
Mala fama, e peor crítica, perseguen por estes pagos á fantasía científica —“ciencia-ficción” por mal nome se nos atemos a pésima e literal, como en tantos outros casos, traducción do termo anglosaxón—. A confusión dos sustantivos non é senón outra das confusións que se amorean sobre este xénero. Esta variante da novela de aventuras que utiliza como unha das súas referencias básicas as aportacións ou proxeccións da ciencia —que isto, e non outra cousa, é a fantasía científica—, oscila entre o menosprezo do canon e o beneplácito dos lectores, ou viceversa. Viceversa, decididamente, porque a xerarquía entre ficción e ciencia, ou entre pracer e erudición, no noso caso, está clara a favor dos primeiros termos destas dicotomías delirantes que, aínda hoxe padecemos a cotío.
¿Por que a ciencia ficción? ¿Por que ciencia ficción en galego? Etcétera. Case dúas décadas despois de que un —e desculpen tanto falar da obra propia— perpetrase aquel pecado orixinal de novela de xénero chamada Soños eléctricos, semella que non abondase aínda a penitencia. Por sorte, os rapaces e rapazas son lectores lúdicos e entenden pouco de xéneros, nada de subxéneros nin de canons. Abominan das antoloxías para saír ou entrar no milenio, das historias xerais e das particulares, dos panexíricos sobre a normalización ou dos problemáticos camiños e corredoiras do noso sistema literario. A literatura xuvenil é, se cadra, o derradeiro refuxio da aventura. (…)”