Entrevista a Agustín Fernández Paz en El Mundo (Galicia):
‘”O libro [Non hai noite tan longa] ten unha historia que vertebra o que se quere contar, pero do que se trata é de botar unha ollada crítica, moral, sobre a época na que a miña xeración era nova, nos anos 60″, explica o autor. A obra amosa algúns elementos propios da novela negra. Gabriel investiga os feitos que levaron ó seu pai, inocente, ó cárcere, acusado de violar unha rapaza. “Dashiell Hammett desenvolve unha trama nas súas novelas, pero en realidade estanos falando de cuestións como a corrupción. Así é a novela negra clásica. Nesta obra hai unha indagación moral. Sobre unha sociedade capaz de facer cousas como obrigar a calar a unha muller violada, como o personaxe de Berta. Culpaban ás mulleres dese acto de violencia de xénero dicindo que eran ‘lixeiras de cascos’ e cousas así”, indicou.
O libro olla ao abuso de poder. Os pais que obrigan a calar e aturar como poida á rapaza violada. A garda civil que arranca con torturas falsas confesións. A sociedade enteira, dun pobo que lle dá as costas a un dos seus. As autoridades locais, que tapan o crime cometido polo fillo dun dos ricos da vila. “A novela contrapón dúas épocas, a de cando Gabriel era mozo, e a época máis actual, o 2002. A intención era reflexionar sobre aquela época pero tamén sobre o tempo presente. Non quixen facer unha novela de bos e malos, hai unha ambigüidade consciente coa que lector se ten que manexar. Non quixen deixar todo atado e ben atado. O lector ten que deducir por que o pai de Gabriel acaba no cárcere, que foi o que fallou. Si quixen retratar a conivencia das clases altas co franquismo, e a impunidade que chegaban a acadar. Familias que manteñen a súa posición na escala social ata a actualidade”, sinalou. (…)
Fernández Paz participou hai uns días no acto dos 20 anos da Coordinadora de Equipos de Normalización Lingüística. E denunciou que o Goberno tenta baleirar de significado a normativa sobre a lingua. “Utilicei como metáfora as coleccións de ovos de paxaro que faciamos cando eramos nenos. Sacabámoslle ó ovo a clara e a xema e quedabamos coa casca. Pois o mesmo está a pasar coa lexislación lingüística. Só os nenos galegofalantes poderán ter ó final da educación obrigatoria un mesmo nivel de dominio do castelán e do galego. Os castelanfalantes, tal como estamos, non o conseguirán”, aclarou.’