Francisco López: “Cunqueiro é o meirande fabulador da literatura europea das últimas décadas e o herdeiro natural dos trobadores medievais”

“O director xeral do Libro, Bibliotecas e Arquivos, Francisco López, participou hoxe na inauguración do encontro Cen anos de Cunqueiro, que organiza a Universidade Internacional Menéndez Pelayo na sede do Arquivo do Reino de Galicia do 13 ao 15 de xullo. O director xeral cualificou a Álvaro Cunqueiro como o “meirande fabulador da literatura europea das últimas décadas, o herdeiro natural dos trobadores medievais”.
Segundo Francisco López, o grande mérito de Cunqueiro non foi só recoller a nosa “enraizada tradición de oralidade”, senón “empregar o seu enorme talento para renovala e reforzala, ata convertela nunha obra literaria tan abundante como tremendamente orixinal”. O director xeral explicou que cando se le a Cunqueiro un pode lembrar as historias dos nosos devanceiros e admirar os modernos recursos narrativos que utilizaba o escritor mindoniense. “Nesa mestura radica o éxito da construción dun universo máxico que anticipou o camiño polo que despois discorrería boa parte da novela do último terzo do século XX”, asegurou.
Para o responsable da Dirección Xeral do Libro, Bibliotecas e Arquivos, tal capacidade para fabular só a pode despregar “un auténtico soñador, un fabulador que cando escribía describía as illas nas que Ulises pasaba as súas mocidades, facíao inspirándose nas Cíes e en Sálvora; e cando pintaba un porto do Golfo Pérsico, pensaba en Foz ou Viveiro; e cando falaba da Bretaña do Sochantre dePontivy, en verdade estaba a falar de Galicia”. “Porque no fondo, era de Galicia do que sempre falaba Cunqueiro”, engadiu.” Vía Galicia Hoxe.
Carlos G. Reigosa: “Cunqueiro só escribiu a décima parte do que se lle ocorreu” (La Voz de Galicia).
Carlos G. Reigosa: “Cunqueiro sentía que escribira a décima parte do que se lle ocorrera” (La Opinión)