“(…) Víctor Freixanes participa estes días no seminario Cen anos de Cunqueiro organizado pola Universidad Internacional Menéndez Pelayo (UIMP), onde onte falou do labor xornalístico do autor de Mondoñedo e do contexto social no que desempeñou a súa traxectoria. Freixanes indicou que Cunqueiro “desenvolveu unha parte moi importante da súa vida nos xornais e nalgunhas emisoras de radio” e definiu a Cunqueiro como un dos mellores escritores europeos dos últimos tempos. A primeira relaciónase coa formación do intelectual e ten lugar entre Mondoñedo, Lugo e a súa etapa como universitario en Santiago de Compostela. Nesta última cidade “entra en contacto cunha xeración que está a descubrir Galicia e a súa identidade”, apuntou Freixanes. É nesta época cando aparecen as primeiras publicacións de carácter literario ou crítico-artístico en xornais da época como El Pueblo Gallego. Co estalido da Guerra Civil, explicaba onte Freixanes no Arquivo do Reino de Galicia, comeza a segunda etapa da vida de Cunqueiro, e na que destaca o seu labor como xornalista e as súas primeiras publicacións en medios de comunicación afíns ao réxime. Segundo o director de Galaxia, tralo que falaron as escritoras Marina Mayoral e Inma López Silva, esta época é na que Cunqueiro pega un salto “vertixinoso” a La Voz de España e ás revistas Vértice e Santo y Seña, rematando no ABC como redactor xefe. O ano 1944 foi, segundo Víctor Freixanes, outra das datas claves na biografía de Álvaro Cunqueiro, xa que nese ano perdeu o carné de prensa e non tivo máis remedio que regresar ao seu Mondoñedo natal. Arranca aquí unha terceira etapa, que se converte no rexurdir do escritor lucense e da que sae unha das súas grandes obras, Merlín e Familia (1954). “En dez anos escribiu algunhas das que se consideran as grandes obras da literatura europea”, sinalou Freixanes. Tamén daquela comezaron as súas colaboracións con La Voz de Galicia e Faro de Vigo, e deste último asume a dirección ata 1970. A última das fases nas que o escritor galego divide a biografía de Cunqueiro corresponde aos últimos anos de vida de Cunqueiro, nos que “acadou o recoñecemento” colaborando con revistas e xornais de todo o mundo. (…)” Vía La Opinión.