As manías d@s escritor@s de noso (I), no blog Trafegando Ronseis

Artigo no blog Trafegando Ronseis: “As manías d@s escritor@s de noso (I)“:
Agustín Fernández Paz: Sempre escribe a man, en cadernos de follas amarelas da marca Uniextra e con rotuladores negros de 0,5 mm. Ademais, pon un título provisorio cando comeza unha novela, aínda que o título “de verdade” poñerao cando esta está rematada.
Antía Otero: Tenlle manía á desorde e á incomodidade: coloca todo antes de se pór á escrita e vístese con roupa ampla. Ao seu carón sempre hai un gran termo de infusión que irá bebendo paseniñamente. Toma notas continuamente que garda nunha mesma caixa antes de transcribilas ao ordenador.
Marcos Calveiro: Comeza as novelas polo derradeiro capítulo e escoita sempre ao inicio dunha nova novela o “Favorite things” de John Coltrane. Busca a aprobación da súa parella, lectora e musa ideal.
Iolanda Zúñiga: Cómprenlle tapóns nos oídos por mor dos ruídos e escribe soamente polas mañás, co seu habitáculo en orde. Ademais, faino medio núa e rillando nas unllas. Élle imprescindible xogar cos cans e conducir a súa vella scooter.
Fran Alonso: Precisa illarse do mundo e moitas horas seguidas. Sempre escribe con música de tonalidade estable, pero con cada libro cambia de música, sempre a mesma ata que o remata.
Rosa Aneiros: A súa manía, curiosamente, é non permitirse telas: “vencerse como carne para gañarse como imaxinación”.
Francisco Castro: Asegura que a súa mellor hora para este labor é as cinco da mañá e que sempre o fai descalzo. Corrixe tres veces a novela, e non permite que lla lea ninguén ata que esta saia do prelo. Dispón as súas producións alfabeticamente e precédeas dunha cita dos Beatles.
Inma López Silva: Leva en todo momento un caderno no bolso e anota neles constantemente: por iso utiliza sempre bolsos nos que caiba este obxecto. Ademais, escribe descalza.
Xabier DoCampo: Require para traballar dun caderno pequeno ou mediano que contén toda a arquitectura interna da obra: escenarios, personaxes, reflexións… pero non a textualidade. Este caderno lévao sempre consigo, mesmo sente pánico a perdelo.
María Reimóndez: Utiliza cadernos raiados ou lisos, e estes teñen que lle “cadrar” coa historia; odia poñer nomes aos personaxes, por iso adoita utilizar aqueles que coñece. De poder, escribe a primeiras horas da mañá ou a últimas da tarde.”