Xosé Feixó Cid e Manuel Rodríguez Alonso: “Que o castrapo faga graza é un síntoma do estado de saúde da nosa fala”

Entrevista a Xosé Feixó Cid e Manuel Rodríguez Alonso en Faro de Vigo, a través de Xerais:
“- Faro de Vigo (FdV):Que dificultades engadidas conleva elaborar o dicionario dunha lingua como o galego, con respecto das que pudiese ter a elaboración dun dicionario de español?
– Manuel Rodríguez Alonso: Na actualidade –e podo dicilo tamén pola miña experiencia como autor de dicionarios de lingua española– practicamente ningunha, polo menos desde o punto de vista técnico. Talvez o máis problemático estea na estandarización de certas formas, canto á preferencia dunhas sobre outras, pero iso é unha cuestión persoal, a nivel de usuario, ou en último caso un problema de estilo, no que non intervén o lexicógrafo. O que si é certo é que aínda queda traballo por facer no relativo ao uso das formas adecuadas en cada nivel de lingua, o que é un problema académico, que, se a Real Academia Galega non o remedia, serán outros os que os establezan. (…)
– FdV: Un dos programas de televisión con maior audiencia é o Land Rober e hai quen diga que, entre outras, a causa do seu éxito reside en que o presentador e os actores se expresan no “gallejo da rúa” (por certo, cheo de castelanismos), o que se denomina “castrapo”. Haberá que darlles un “toque de atención” aos de Land Rober ou admitir que o castrapo tamén é un fenómeno propio da nosa lingua?
– Xosé Feixó Cid: O castrapo é unha forma degradada e degradante da lingua. Que faga graza e resulte simpático é un síntoma do estado real da saúde da fala, que non tería importancia ningunha se nos centros de poder e decisión se utilizase o galego (consellos de administración das grandes, medianas e pequenas empresas e organismos da administración). Iso é o grave, o reducido espazo vital ao que está restrinxido o idioma. (…)”