Ramón Villares avoga por unha “reflexión colectiva” tras o roubo do Códice

“(…) Ramón Villares, considera que o Códice Calixtino “probablemente apareza” como pasou con outras “grandes pezas patrimoniais” como a Gioconda, que “apareceron despois de anos”, aínda que ve “difícil” garantir que non haberá outro caso similar, “porque os ladróns son tan habilidosos como os que fan os sistemas de seguridade”. “Polo tanto, non hai nada seguro”, afirmou nunha entrevista a RNE recollida por Europa Press. Villares sinalou, a pesar diso, que “probablemente” o sistema de seguridade e de protección do patrimonio galego, especialmente eclesiástico, “merece unha mellora”, aínda que rexeita facer “leña da árbore caída” e avoga por unha “reflexión colectiva”. O responsable do Consello da Cultura Galega atribúe “moitísima” importancia histórica ao que considera “o ADN de Galicia”, porque é “o primeiro texto que fala de galegos como europeos e como iguais”, non como “salvaxes das tribos cántabras e astures” da península ibérica que relataban os textos clásicos. Trátase en definitiva do “código fundacional” que “revela eses tempos gloriosos da época de Xelmírez”, nos que “Santiago non era a periferia senón o centro de Europa”. Por esta razón, advirte de que a súa desaparición “afecta a todos” polo que aposta por estudar “coa Igrexa” algúns mecanismos de protección, posta en valor e difusión desta “inmenso patrimonio”.
Sobre a Cidade da Cultura, asegurou que “non está mal” que exista “un colector dedicado á cultura” dentro da “abundancia” que hai en Galicia. “O que sucede é que se excederon os promotores desta iniciativa na dimensión do proxecto. Creo que dominou excesivamente, ademais, o criterio de Peter Eisenman sobre as necesidades e as posibilidades de Galicia, pero isto é un legado que temos que saber aproveitar, porque agora non o imos tirar pola borda, non?”, apuntou. Así e a pesar de que se fixo “sen planificar suficientemente”, afirmou que a política “está para iso, para resolver estes problemas”, e animou a esperar “15 ou 20 anos” para ver “en que medida isto serve ou non serve”. Para iso, o arquivo e a biblioteca do edificio deben ter unha “función vertebradora” para “mellorar toda a infraestrutura que hai en Galicia” e “non para espir un santo”, mentres por outra parte se converta nunha “grande posibilidade como unha antena que difunda, un distribuidor dende Galicia” como ponte de conexión con América e Europa. O Consello da Cultura, de feito, está a trasladar os seus fondos sonoros, da emigración e tamén os relacionados con lingua e comunicación para “contribuír a homoxeneizar” os procesos de catalogación da Biblioteca de Galicia, que permitirá “aforrar espazos”, prestar “un mellor servizo” e “reforzar” a idea do edificio do Gaiás como “especialización” en biblioteconomía ou arquivos sonoros. (…)”