Agustín Fernández Paz: “A trama, debedora da novela negra, é só un pretexto para falar da miña xeración”

Entrevista de Tucho Calvo a Agustín Fernández Paz en Biblos Clube de Lectores:
“- Biblos Clube de Lectores (BCL): ¿Qué representa esta obra [Non hai noite tan longa] para vostede no conxunto da súa creación?
– Agustín Fernández Paz (AFP): Aínda que parece unha novela distinta, o certo é que está feita cos mesmos criterios e técnicas cás anteriores. Cando o escrito estaba relativamente acabado, paseillo como fago sempre a Manolo Bragado e suxeriume publicalo na colección de adultos. Xa non era a primeira vez, e sempre me negara. Pasara por exemplo con Aire negro. Pero esta vez aceptei. Quizais porque ao mellor a literatura xuvenil xa non está tan oculta como estaba, porque moitos adultos se achegan a ela e hai  moitos mozos que len coleccións de adultos. Agora estou expectante por saber se realmente vou conservar os meus seguidores de sempre e se gaño outro público. (…)
– BCL: A obra evoca moitos dramas silenciados. ¿Seguen existindo a día de hoxe?
– AFP: Onte mesmo escoitei a noticia da exhumación de tres corpos na Línea de la Concepción que tiñan relación cos casos de nenos roubados. Este é un drama arrepiante coma outros moitos que seguen aparecendo. O que conto na novela, que socialmente é un caso menor en comparación con moitos sucesos da guerra e da postguerra, é un feito que estraga a vida de toda unha familia, e cousas así houbo moitas: desde o profesor represaliado que tivo que dedicarse a outros mesteres aos que quedaron marcados como roxos… grandes dramas para quen os sufren. Os acontecementos, as reaccións, a inxustiza, as enormes diferenzas de clases sociais, sobre todo nas vilas… Quixen narrar, en definitiva, o clima daquela época. (…)”